O Consello Regulador imparte formación en varios centros de Pontevedra

Este mes de maio comezou con varios seminarios formativos sobre o vacún galego de calidade na provincia de Pontevedra, aos que asistiron os estudantes do CIFP Manuel Antonio, en Vigo, e dos obradoiros de emprego Lanzada IV e Moaña Labora VI. En total, máis de setenta alumnos das especialidades de cociña e de servizos de restaurante e bar puideron coñecer as cualidades diferenciais das carnes amparadas polas IXP Ternera Gallega e Vaca Galega-Boi Galego.

Nos tres centros educativos, o Consello Regulador ofreceu formación teórica e práctica. Na primeira parte, púxose en valor o significado do selo europeo IXP e a súa relevancia para o futuro das zonas de produción, ademais de explicar o método de crianza tradicional dos animais inscritos, as súas razas e alimentación e as garantías de cumprimento do benestar animal, avaladas pola certificación de Ternera Gallega. 

O aval das etiquetas 

Esta formación tamén abarca o sistema de control e de trazabilidade da carne desde o campo ata as  industrias e os puntos de venda, amosando como os inspectores do Consello Regulador controlan a orixe e calidade do produto e o seu correcto etiquetado. Neste aspecto faise especial fincapé, para que os futuros restauradores e cociñeiros saiban recoñecer a carne certificada gracias ás súas etiquetas e evitar posible enganos ou confusións con outras non amparadas polas IXP. 

Na práctica

Os estudantes tamén traballaron directamente coa carne de Ternera Gallega, para coñecer as mellores técnicas de corte e preparación, aprendendo cuestións coma a maduración ou o temperado; ademais da variedade de pezas do vacún e a súa versatilidade culinaria.


 
Máis aló dos cortes populares, o Consello Regulador quere divulgar a calidade de pezas menos coñecidas co obxectivo de lograr un aproveitamento integral do canal e desbotar a idea de que haxa pezas de primeira ou de segunda categoría. Co seu programa formativo, Ternera Gallega e Vaca Galega-Boi Galego procuran que o futuros chefs conten co vacún de calidade certificada nas súas carreiras profesionais.