A IXP acompaña a Pan de Cea na súa festa anual

Pan de Cea celebrou esta fin de semana a 30ª edición da súa tradicional Festa de Exaltación, que foi todo un éxito de visitantes, tanto de Galicia coma de fóra, e que puxo á venda unhas 2.500 bolas de pan. Ao igual que en anos anteriores, Ternera Gallega colaborou con este evento achegando produto certificado, xunto a outros selos IXP e DOP. 

O Campo da Saleta, en San Cristovo de Cea, acolleu diferentes actividades desta festa declarada de Interese Turístico da nosa comunidade. A comida popular deste domingo, con arredor de 400 asistentes, contou no seu menú con carne de Ternera Gallega ao caldeiro, acompañada de Pataca de Galicia e Castaña de Galicia. Tamén houbo queixos das denominación de orixe autonómicas, Mel de Galicia, Tarta de Santiago ou viños con DO e Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia. 

A gastronomía completouse con actuacións musicais, artesanía e a exposición "Camiño a Santiago" do escultor Acisclo Manzano.

A Ruta dos Fornos

Na xornada do sábado, a IX Ruta dos Fornos abriu ao público sete fornos antigos, un máis que o ano pasado, onde se puideron degustar diferentes alimentos de calidade. No Forno do Lodairo ofrecéronse bocadillos de bisté de Ternera Gallega Suprema e no do Santo, empanada coa mesma carne amparada e feita con masa de Pan de Cea. 

Actualmente, son 13 os fornos inscritos no Consello Regulador da IXP Pan de Cea, que distribúe o 80 % da súa produción fóra de Galicia, principalmente en Cataluña, País Vasco ou Madrid.