Ternera Gallega Suprema degústase no Saviñao e en Becerreá

A IXP participou na II Festa da Vendima do Saviñao, que se celebrou esta fin de semana na Devesa de Escairón. Coma xa acontecera o ano pasado, os visitantes puideron asistir a unha demostración culinaria con degustación de Ternera Gallega Suprema. 

O chef Santi Almuíña, do restaurante Colón (Lugo), amosou a moleza e a versatilidade da carne amparada nun percorrido gastronómico a través de diferentes pezas e preparacións. Empregou a croca para elaborar un tataki; mentres que, para a prancha, escolleu cortes coma o vacío, a bavette ou a tapa da pa. Rematou cun xarrete guisado con Fabas de Lourenzá e tamén empregou outros produtos autonómicos con selo de calidade, coma Pataca de Galicia e Pementos de Herbón. Alimentos que maridaron con viño branco e tinto da DO Ribeira Sacra, presentados pola técnica do Consello Regulador, Marta Villén. 

A cociña en directo acompañouse dos mellores consellos para tratar a carne da IXP Ternera Gallega, facendo fincapé en cuestións coma a maduración ou o temperado, e desvelando as técnicas de corte e cociñado máis axeitadas para cada peza. Incidiuse, tamén, en como distinguir o produto certificado gracias ás súas etiquetas e púxose en valor a relevancia da IXP para o mantemento do medio rural a nivel socioeconómico e medioambiental. 

A tradicional festa de Ternera Gallega

Tamén cunha degustación de carne certificada da categoría Suprema, o concello de Becerreá celebrou en agosto a súa Festa anual de Ternera Gallega. Nesta XVI edición, ofreceuse unha churrascada para máis de mil persoas, na que se prepararon uns 400 quilos de produto amparado. 

         

Ademais, o Consello Regulador colaborou de novo co Festival da Luz, en Boimorto, xunto a outros alimentos galegos con selo IXP e DOP e dentro do programa de Experiencias de Calidade da Consellería do Medio Rural.