A IXP lanza unha campaña dixital e na televisión conectada
Na liña iniciada o pasado ano de potenciar a categoría comercial Ternera Gallega Suprema no mercado nacional, o Consello Regulador da comezo este luns a unha campaña de promoción de carácter online co obxectivo de incentivar o consumo e seguir incrementando a notoriedade da carne amparada.
Nunha aposta innovadora pola televisión conectada (SmartTV, HBBTV e Multidispositivo), a publicidade de Ternera Gallega Suprema emitirase neste medio das principais cadeas audiovisuais: Atresmedia, Mediaset e Movistar+. Accións que se complementan cunha campaña específica en Youtube, a plataforma de internet máis vista en España, segundo indican os datos do Estudio Xeral de Medios.
Como formato principal tanto nas cadeas coma en Youtbe, publicarase un spot de 20 segundos; ademais de diferentes accións en display que alcanzarán o espectador aparecendo sobre a programación televisiva en emisión.
Escoller consumidores concretos
Aproveitando as posibilidades de segmentación do público obxectivo e de cobertura que ofrece o ámbito dixital, a campaña dirixirase durante 3 semanas aos Responsables de Compra do Fogar de máis de 35 anos e situados en Madrid, Cataluña, País Vasco, Comunidade Valenciana, Mallorca e Andalucía.
En canto aos resultados, a campaña prevé superar os 6,9 millóns de impactos, co fin de divulgar a calidade excepcional de Ternera Gallega Suprema e repercutir en beneficio de todos os axentes que apostan por esta categoría comercial: produtores, industrias, distribución e consumidores.