A versatilidade da carne certificada conquista os padais en diferentes showcookings

O Consello Regulador continúa co seu habitual programa promocional dirixido directamente aos consumidores a través de diversos showcookings, nos que divulga as cualidades específicas da carne amparada e da súa produción, ademais da versatilidade que ofrece na cociña.  

Ternera Gallega Suprema formou parte da campaña “Na túa despensa, o mellor de Galicia”, que organiza o Clusaga no Mercado de Abastos de Santiago de Compostela e que se dirixe tanto a profesionais da canle Horeca coma a consumidores e turistas que se achegan á praza. 

O chef Javier R. Ponte “Taky” presentou neste evento cortes singulares ou pouco coñecidos co obxectivo de dar a coñecer a súa calidade e as receitas máis axeitadas para cada un, máis aló das pezas habituais. Preparou a croca en tartar, seguida da tapa da pa e o vacío, que cociñou á grella amosando a súa moleza e sabor sen aderezos e rematou cun taco estilo pibil no que empregou a espaldiña. 

Nunha actividade tan vinculada ao punto de venda, a IXP tamén incidiu na etiquetaxe da carne amparada para que os consumidores saiban recoñecela e diferenciala doutros produtos sen orixe certificada. E púxose en valor a relevancia de Ternera Gallega para o mantemento do medio rural a través das máis de 8.400 explotacións inscritas.  

Con Pataca de Galicia

A calidade culinaria da tapa da pa e do filete de vacío para facer á prancha tamén sorprendeu ao público asistente ao taller que a IXP ofreceu na Festa da Pataca de Coristanco, que celebrou a súa 41ª edición esta fin de semana. Con José Manuel Mallón aos mandos da cociña, presentouse igualmente un tartar de croca, cunha moleza á altura do solombo, e unha carne ao caldeiro acompañada de Pataca de Galicia. O produto empregado foi Ternera Gallega Suprema, que tamén se combinou con outros alimentos con selo IXP e DOP.