A cadea de valor da IXP confirma a necesidade dunha plataforma TIC sólida e flexible

O proceso de dixitalización da cadea de valor de Ternera Gallega a través do grupo DIXITEGA desenvolveu nos últimos meses un proceso participativo no se consultou a opinión dunha mostra de responsables da produción, fabricantes de penso, industria cárnica, distribución e entidades de asesoramento. A maiores, a Indicación Xeográfica Protexida compartiu un cuestionario en liña entre máis de 2.000 asociados para recoller as súas impresións sobre temas estratéxicos.

As respostas a esta consulta destacaron a necesidade de contar cunha plataforma TIC de datos sólida e flexible que combine fontes de datos nacionais e internacionais. Os resultados tamén proporcionaron información de valor para acompañar a evolución do sector xa que estes datos son unha excelente guía para fundamentar futuras tomas de decisións que impulsen o crecemento e a competitividade neste ámbito económico.

Análise das conclusións 

As principais temáticas a mellorar en eficiencia e produtividade son as relativas aos prezos das materias primas para elaboración de pensos, ao custo das reses nas lonxas do estado e os datos de consumo da poboación. Outras cuestións notables para a cadea de valor de Ternera Gallega son a saúde animal, as oportunidades de capacitación, os prezos da distribución da carne ou a nutrición dos tenreiros.

A consulta constatou tamén que existe un interese común de información especializada como, por exemplo, o desenvolvemento dun sistema preditivo para estimar a subministración de carne e animais ao mercado. En canto á frecuencia de actualización de datos na futura aplicación TIC, a mostra aconsella desde a renovación semanal dos prezos do gando e dos custos dos cereais ata a actualización mensual do custo dos diferentes cortes de carne. 

Para aproveitar ao máximo o potencial da nova ferramenta dixital, os entrevistados suxiren tamén utilizar a plataforma como medio de comunicación para difundir eventos, subvencións, lexislación, alertas sanitarias ou promover actividades de capacitación. 

Con estas conclusións, durante este outono dará comezo a terceira fase de traballo para crear e testear a plataforma DIXITEGA, que se presentará a finais de 2024. O obxectivo final é facilitar o acceso e manexo conxunto de fontes públicas e privadas relevantes para a cadea de valor da IXP Ternera Gallega dunha forma concisa, contrastada e visual que mellore a toma de decisións. En paralelo ao desenvolvemento da aplicación, organizaranse xornadas de formación para aprender a usar a plataforma, consolidar o seu uso entre os socios e mostrar como trasladar novos datos que a manteñan actualizada.

DIXITEGA está financiado pola Consellería do Medio Rural a través do Plan de Desenvolvemento Rural. Ademais da Fundación Juana de Vega (coordinadores), participan a Fundación Centro Tecnolóxico da Carne, o Consello Regulador das IXP de Carne de Vacún de Galicia, AGRIGGA Carne SCG e a Fundación Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant). Coma entidades colaboradoras, o CIAM (Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo), ACRUGA e DIH Datalife.