O vacún maior certificado debuta no Gastronomic Forum Barcelona con Vaca Galega

O Consello Regulador regresou este luns ao Gastronomic Forum Barcelona, onde ademais de promocionar Ternera Gallega coma en edicións anteriores, estreouse coa IXP Vaca Galega-Boi Galego. A carne certificada de Vaca Galega foi o produto estrela nun showcooking dirixido polo chef Javier R. Ponte “Taky”, que completou tamén con pratos de Ternera Gallega Suprema.

Desde a aula de Experiencias de calidade da Xunta, “Taky” ofreceu unha bavette de Vaca Galega coa que amosou a calidade do produto certificado con independencia da peza seleccionada. Máis aló dos cortes afamados coma o lombo ou o chuletón, quixo reivindicar as grandes cualidades gastronómicas dos menos coñecidos. 

Aínda que se utiliza moito en Francia, na nosa cociña a bavette non é tan habitual, sendo un corte que se sitúa no vacío. De xeito equivocado considérase unha peza dura, pero, co tratamento adecuado, resulta mol e saborosa. Así o evidenciou o chef da IXP, preparando este corte de Vaca Galega simplemente á grella, sen necesidade de máis aderezos. 

Na demostración culinaria dedicada á IXP Ternera Gallega, tamén puxo en valor os cortes singulares, co obxectivo de dar a coñecer a súa versatilidade e ensinar as elaboracións máis axeitadas para cada un. Serviu unha croca en tartar, seguida da tapa da pa e do vacío, cociñadas á grella. Preparadas tamén de forma moi sinxela para demostrar a súa moleza e sabor. E como prato final, optou por reinventar unha típica receita mexicana; fixo un taco estilo pibil, no que empregou a espaldiña. 

Detrás do produto certificado

Xunto con esta parte máis culinaria, o showcooking tamén permitiu divulgar o significado do selo IXP e a relevancia das producións acollidas a el para o futuro do medio rural. Os asistentes puideron coñecer como traballan as ganderías inscritas e como funciona o sistema de control e rastrexabilidade que aplica o Consello Regulador no campo, nas industrias e nos puntos de venda. 

Outra cuestión fundamental neste tipo de accións promocionais é a etiquetaxe da carne certificada, tanto de Ternera Gallega coma de Vaca Galega-Boi Galego: incidir nela para que os participantes saiban recoñecer estas etiquetas no mercado como único garantía da orixe e da calidade certificada do produto, evitando confusións con outras carnes sen estes atributos avalados pola Unión Europea.