A IXP participa de novo na campaña Come Local para levar aos colexios os selos de calidade

Botou a andar a cuarta edición de Come Local, coa que Ternera Gallega colabora desde os seus inicios. Contando co apoio da Agacal e desenvolvida por Slow Food Compostela, esta iniciativa busca promover os alimentos galegos de calidade nos comedores dos colexios, afondando nas súas cualidades diferenciais e achegando formación e asesoramento para elaborar e programar os menús escolares. 

Con esta campaña, os usuarios de comedor en 50 centros de toda Galicia poderán degustar a carne certificada, xunto a outros alimentos con IXP e DOP, ademais dos ecolóxicos e de proximidade. E non só van coñecer o seu sabor; tamén recibirán información sobre a importancia da súa produción para manter vivo o medio rural e a súa biodiversidade e sobre a certificación da súa orixe e rastrexabilidade. Ademais, asistirán a actividades formativas de educación alimentaria e sobre os produtos frescos que corresponden a cada tempada. 

Ata o de agora, en algo máis dun mes desde o inicio de Come Local, o Consello Regulador xa colaborou con produto certificado e material divulgativo para máis de 10 centros educativos repartidos por toda a xeografía galega, chegando a máis de mil estudantes.

A formación que inclúe esta campaña tamén se dirixe aos propios equipos de cociña dos colexios; neste caso, respecto á etiquetaxe dos alimentos con selo de calidade, co obxectivo de diferencialos doutros sen este distintivo. Igualmente, están a recibir asesoramento sobre seguridade alimentaria, aprovisionamento e planificación dos menús e das contas de gasto.