O Consello Regulador imparte unha charla formativa a futuros profesionais da gandería

O programa de formación das IXP non se limita ao ámbito das escolas de cociña e hostalería, tamén se dirixe ao sector da produción. No IES Melide, dentro do ciclo de FP Dual de Gandería e Asistencia en Sanidade Animal, o director técnico do Consello Regulador, Antón Xende, deu unha clase sobre os aspectos produtivos e normativos de Ternera Gallega e de Vaca Galega - Boi Galego . 

Abordou cuestións como o tipo de animais admitidos segundo o Prego de Condicións de cada unha das IXP, as súas razas, cruzamentos e idades, o seu sistema de manexo e a alimentación que reciben. Tamén tratou aspectos referentes ao benestar animal e aos requisitos que deben cumprir os canais para a súa certificación, segundo cada categoría comercial, e dentro do sistema de control e rastrexabilidade que aplica o Consello Regulador.

Este ciclo de FP Dual estreouse no centro de Melide este mesmo curso, coa participación de CLUN (Cooperativa Rural Gallega), co obxectivo de dar resposta á necesidade de profesionais cualificados no sector gandeiro.