As carnes premium Ternera Gallega Suprema e Boi Galego Selección, en Fitur

O Consello Regulador promocionou na Feira Internacional de Turismo, en Madrid, a calidade e a versatilidade das súas carnes certificadas de maior nivel: Ternera Gallega Suprema, Vaca Galega e Boi Galego, neste caso da categoría Selección. Presentáronse a medio centenar de asistentes a través dunha masterclass con cociña en directo, desde o stand de Turismo de Galicia. 

Un showcooking capitaneado polo chef executivo da IXP Ternera Gallega, Javier Rodríguez Ponte “Taky”, que expuxo diferentes pezas e tipos de cociñado para poñer en valor as múltiples posibilidades gastronómicas do vacún galego de calidade. Para comezar, ofreceu un tartar de croca de Ternera Gallega Suprema, afastándose da versión habitual que se elabora co solombo. Seguindo con Suprema, tamén preparou un rosbif de redondo e un taco mexicano estilo pibil, no que empregou a man de diante.

No referente ao vacún maior, Taky optou por amosar os seus aromas, texturas e sabor cun cociñado sen aderezos, simplemente á grella. Preparou un lombo baixo de Vaca Galega e, como corte máis especial e diferente, unha tapa da pa de Boi Galego Selección. Baixo esta categoría ‘Selección’ a IXP identifica as carnes con maior graxa infiltrada e de cobertura; aspectos organolépticos de alto nivel e moi valorados polos amantes deste tipo de produto, sobre todo na rama da hostalería. 

Gastronomía, medio rural e turismo

Xunto ás cualidades culinarias das carnes certificadas, esta cita promocional tamén permitiu divulgar entre os asistentes as características das Indicacións Xeográficas Protexidas. O director de Promoción, Luis Vázquez, falou sobre os seus sistemas de produción, o tipo de animais admitidos, a súa alimentación e os requisitos de benestar animal e de control de orixe e rastrexabilidade que esixe o Consello Regulador. 

Resaltou, ademais, que a actividade produtiva de ambas Denominacións favorece a sostibilidade económica, social e medioambiental do campo galego. Son aspectos clave para afianzar o seu futuro e que tamén repercuten no turismo, sendo os gandeiros e gandeiras ‘os xardineiros’ das paisaxes que namoran a quen visita Galicia.