Ternera Gallega marida con Mel de Galicia na Feira Internacional de Apicultura de Lalín

A localidade pontevedresa acolleu esta fin de semana a terceira edición de Alvariza, a Feira Internacional de Apicultura, na que a carne de Ternera Gallega se puido degustar en combinación coa IXP Mel de Galicia en dous showcookings diferentes. 

O cociñeiro do Consello Regulador, Javier Rodríguez ‘Taky’, preparou unha costela de Ternera Gallega Suprema glasada con Mel de Galicia e acompañada dunha crema de Pataca de Galicia. Foi o prato central dun menú que tamén incluíu outros selos de calidade, coma os queixos con DOP Cebreiro e Arzúa-Ulloa e as Indicación Xeográficas Lacón Galego e Licor Café de Galicia. 

A chef do restaurante Casa San Martín (Lalín), Cecilia Sanmartín, ofreceu outra demostración gastronómica con carne certificada, elaborando unha croca con salsa de Mel de Galicia, pisto de Pemento de Arnoia e Pataca de Galicia. A súa presentación completouse coas IXP Pan Galego e Lacón Galego e coas DOP Cebreiro e Queixo Tetillla. Arredor de 60 persoas asistiron a estes dous showcookings, que tamén contaron con produtos de Artesanía Alimentaria, coma cervexa e sidra. 

O programa da feira ofreceu, ademais, diversas charlas e relatorios sobre o mel e a súa produción, xunto con catas das distintas variedades da IXP Mel de Galicia.