O Carlos Oroza traballa coa carne certificada e outros produtos con selo de calidade

Xa é unha tradición a comezos de ano que os alumnos do grao superior de Dirección de Cociña do CIFP Carlos Oroza, en Pontevedra, dediquen unha semana de traballo a coñecer os alimentos con IXP e DOP de toda España. Ademais, elaboran un bufete cunha oferta culinaria que conta con máis de 60 pratos diferentes.

A carne certificada volveu estar presente nestas xornadas gastronómicas, en combinación con outros selos de calidade. Os estudantes prepararon diversas receitas: Ternera Gallega á crema San Simón da Costa, solombo con salsa de Cabrales DOP, hamburguesas e estufado con Pataca de Galicia e Ribeira Sacra. 

Ademais de participar os 20 alumnos de segundo curso de cociña, os estudantes de Servizos en Restauración encárganse da atención ao público e de rematar as diferentes elaboracións á vista do cliente. Esta actividade non ten só repercusión no propio centro, tamén fóra del, xa que acoden ao bufete arredor de cincuenta persoas por día, incluíndo medios de prensa, autoridades e representantes das entidades colaboradoras. 

Achegando material formativo, ademais do produto certificado, os alumnos coñecen a relevancia das denominacións de orixe para o medio rural e o seu futuro, co obxectivo de que sexan produtos de referencia nas súas carreiras profesionais.