Froiz e Ternera Gallega reafirman o seu compromiso de comercialización da carne de calidade

A cadea galega Distribuciones Froiz e a IXP Ternera Gallega manteñen o seu compromiso coa comercialización de carne de tenreira certificada e formalizan un convenio de colaboración entre ambas entidades, que consolida máis de 30 anos de traballo conxunto e de aposta polo vacún galego de calidade. 

Un acordo co que o produto amparado por Ternera Gallega chega a 259 establecementos Froiz, tanto de Galicia coma de fóra da comunidade. Así se reflectiu nun acto conxunto de ratificación e ampliación do convenio, no que participaron a directora de Calidade de Froiz, Ana López del Olmo, e o presidente do Consello Regulador que dirixe e xestiona a IXP Ternera Gallega, Jesús González.

 Venda exclusiva e mención nos elaborados

Con vixencia anual e prorrogable de forma automática, este convenio recolle a venda da carne amparada pola IXP Ternera Gallega, en condicións de exclusividade para a categoría tenreira, tanto en mostrador tradicional coma nos lineais de libre servizo, en 259 centros Froiz, onde o produto se presenta separado e diferenciado doutras carnes mediante os elementos de imaxe corporativa proporcionados pola Indicación Xeográfica Protexida. 

Ademais, o Consello Regulador autoriza a Froiz a usar a mención “elaborado con IXP Ternera Gallega” e o logotipo da Denominación, para a correcta identificación e diferenciación dos produtos elaborados coa carne certificada (hamburguesas, albóndegas...). 

Décadas de aposta polo vacún galego de calidade

Máis de tres décadas de relación unen a Ternera Gallega e a Froiz, nunha aposta decidida pola carne de calidade diferenciada e con orixe garantida, o que supón tamén un compromiso coas máis de 8.200 ganderías inscritas na IXP, a súa contribución á sostibilidade do entorno natural e a súa relevancia para o futuro socioeconómico do rural galego. 

Todas as carnicerías da empresa son de venda asistida tradicional, onde os profesionais Froiz preparan e filetean o produto para a súa posterior elaboración por parte do cliente. Tamén fan elaborados cárnicos de maneira caseira, coma albóndegas, recheos ou hamburguesas, con esta carne de primeira calidade. E informan e asesoran aos clientes sobre receitas, formas de preparación e conservación da carne para sacarlle o mellor proveito na cociña. 

A variedade de produtos frescos locais, de proximidade e producidos a nivel rexional sempre foi un dos compromisos da empresa Froiz. Para a gran maioría dos produtos frescos de tempada, selecciona provedores das zonas xeográficas onde está presente, o que contribúe ao crecemento económico da súa contorna. Do total de compras que a empresa fai anualmente, preto do 40 % procede de máis de 650 provedores locais.