Publicada a orde de axudas da PAC
O DOG publicou a orde de convocatoria das axudas da Política Agraria Común do ano 2024. Estímase que manteña unha dotación de 200 millóns de euros, similar á dos últimos anos, para os 25.000 agricultores e gandeiros galegos beneficiados de media.
Esta orde ten dúas vías de financiamento, sendo a principal o Fondo Europeo Agrícola de Garantía Agraria (FEAGA) e que, debido aos cambios na xestión orzamentaria derivados da entrada en vigor do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027, a súa achega aínda non pode ser cuantificada. As partidas que teñen orzamentos concretos nesta orde son as vencelladas cos fondos FEADER, que supoñen un total de 44,17 millóns de euros.
O orzamento anual restante para Galicia fixarase segundo a distribución dos fondos nacionais entre todas as solicitudes que cumpran os requisitos, estimándose para a comunidade preto de 160 millóns de euros.
Co PEPAC 2023-2027, a Política Agraria Común pasa de basearse na descrición dos requisitos que deben cumprir os beneficiarios finais das axudas a orientarse á consecución de resultados concretos. Esta convocatoria 2024 é exclusivamente para presentar solicitudes de pagamento da campaña no caso das axudas plurianuais de desenvolvemento rural, en base aos compromisos adquiridos no exercicio anterior.