A primeira carne certificada de Ternera Gallega Suprema Ecolóxica estréase en Alimentaria
Ternera Gallega Suprema Ecolóxica presentouse por primeira vez ante o público profesional este martes no marco dunha das feiras gastronómicas máis destacadas do panorama nacional e internacional, Alimentaria Barcelona, que se celebra ata o próximo día 21. Desde o stand da Agacal, o Consello Regulador que xestiona a IXP Ternera Gallega e o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia ofreceron un showcooking desta carne certificada, ao que asistiron os presidentes de ambas entidades, Jesús González (IXP Ternera Gallega) e Francisco López (Craega), xunto ao director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos.
O chef Marco Varela (Restaurante Sábrego, Ribadavia) fixo un percorrido por diferentes pezas e cociñados para amosar a calidade e as posibilidades gastronómicas de Ternera Gallega Suprema Ecolóxica. Como primeiros pratos, presentou un tartar de solombo e un tataky elaborado coa croca; para seguir con cortes á grella: a singular tapa da pa e o tradicional entrecosto. Rematou cun costelar a baixa temperatura. Estas elaboracións estiveron acompañadas doutros produtos con indicativo de calidade e con selo do Craega, coma queixos, hortalizas e viños.
Xunto aos aspectos culinarios, divulgáronse as características deste produto con nova certificación, que cumpre as estritas normas da produción ecolóxica ademais de pertencer, dentro da IXP Ternera Gallega, á categoría Suprema: que identifica a carne de animais de menos de 10 meses, criados en explotacións con vacas nai e que se alimentan do leite materno, como mínimo, durante 7 meses.
O Craega e Ternera Gallega firmaron en setembro un convenio para o control e a promoción conxuntos do produto, coa finalidade de que os consumidores poidan identificalo no mercado mediante unha etiqueta específica co nome dos dous Consellos Reguladores. Baixo este etiquetado atoparán unha carne que conxuga os valores organolépticos (moleza, sabor e zumarencia) e nutricionais (vitaminas do grupo B, proteínas, ferro e fósforo) propios de Ternera Gallega Suprema cos valores medioambientais asociados ás ganderías extensivas de produción ecolóxica e ás explotacións familiares e de crianza tradicional da IXP.
Actualmente, son 209 as ganderías inscritas na IXP Ternera Gallega e no Craega, coa previsión de alcanzar as 262 a finais deste 2024. Supón 1.709 animais identificados neste momento, co potencial de superar os 5.000 nos próximos dous anos.
Catro showcookings máis
Durante toda a feira, o Consello Regulador ten programadas outras catro demostracións culinarias, sumando en total máis dun centenar de asistentes entre profesionais do sector cárnico, da canle horeca, consumidores, medios de comunicación e blogueiros gastronómicos. Estas sesións céntranse nas cualidades organolépticas e na versatilidade gastronómica das carnes certificadas da IXP Ternera Gallega pero tamén da IXP Vaca Galega-Boi Galego, coa meta de promocionar igualmente o vacún maior de calidade producido en Galicia, cunha demanda crecente no sector da restauración.
Tamén se pon en valor o importante papel das ganderías inscritas en ambas denominacións para o mantemento da actividade socioeconómica no rural e, en consecuencia, para contribuír á súa sostibilidade medioambiental e para fixar poboación. Así mesmo, infórmase ao público asistente sobre o sistema de control e de rastrexabilidade que o Consello Regulador aplica en todas as fases da cadea, desde o campo e as industrias ata os puntos de venda; incidindo na importancia das etiquetas que sempre acompañan ás carnes certificadas como elemento identificador e aval da súa orixe e calidade.
Carnicerías tradicionais e atención comercial
Na xornada do luns, Ternera Gallega tamén mantivo un encontro directo con profesionais do sector cárnico catalán – concretamente, carnicerías tradicionais - co obxectivo, por un lado, de afianzar os lazos con aquelas que xa contan con acordo de colaboración coa IXP para comercializar o produto amparado e, por outro, de atraer a novos establecementos.
Paralelamente, o Consello Regulador está a atender as necesidades informativas e comerciais dos visitantes que se achegan ao stand, procedentes de diversos puntos de España e doutros países coma Francia, Italia, Alemaña, Polonia ou Portugal, entre outros. Entrégaselles material promocional e divulgativo sobre as carnes de vacún de calidade de Galicia, a forma de crianza dos animais inscritos, a súa alimentación e benestar animal, sobre o sistema de control e o etiquetado específico de cada IXP.
Unha feira clave
O Consello Regulador acode a este evento de relevancia internacional e perfil profesional coa finalidade de incrementar, tanto dentro como fóra das nosas fronteiras, as oportunidades de negocio das industrias inscritas en Ternera Gallega e en Vaca Galega - Boi Galego, presentando as carnes amparadas ante un visitante moi cualificado, con poder de prescrición e compra.
Unha edición máis, Intercarn destaca por ser o principal pavillón da feira, no que se reúnen máis de 360 empresas do sector nun espazo de 14.000 m². Alimentaria prevé atraer a 100.000 visitantes; entre eles, uns 24.000 compradores interesados en adquirir produtos cárnicos.