Ternera Gallega colaborou coa Selección Española de Carniceiros con fins solidarios

Co obxectivo de recadar fondos para o Centro de Recursos Solidarios de Narón, a Selección Española de Carniceiros organizou este sábado unha gala de exhibición e despezamento de diversos tipos de carne que precedeu a un showcooking con degustación. A IXP achegou carne de Ternera Gallega Suprema para a mostra de corte e cociñado. 

Arredor de 250 persoas acudiron a esta cita, na que os profesionais da carnizaría amosaron as súas habilidades no despezamento de diferentes carnes, entre as que destacou medio canal de Ternera Gallega Suprema. Ademais, presentaron diversas elaboracións con varias pezas de carne, dando a coñecer a súa versatilidade gastronómica. 

Tras esta demostración, ofreceuse un menú no que os pratos principais tamén se prepararon con Ternera Gallega Suprema. Serviuse xarrete e man de diante estufados, churrasco de faldra e hamburguesas elaboradas pola Selección Española de Carniceiros.

A carne empregada na exposición destinarase ao Centro de Recursos Solidarios, xunto cos cartos recadados coas entradas ao evento. A entidade, segundo destaca o concello de Narón, atende a varias familias vulnerables da cidade e da contorna. 

World Butchers’ Challenge

Esta exhibición culinaria, que se completou con música e actividades para os cativos, estivo capitaneada polo seleccionador de carniceiros, o naronés Bruno Casal, e contou coa colaboración de Cedecarne, a Confederación Española de Retallistas da Carne. 

Ademais da faceta solidaria, serviu de preparación para o campionato do mundo de carniceiros, que se celebrará o vindeiro ano en París. Un equipo de seis persoas, seleccionadas por Casal, competirá con outros profesionais cárnicos de 18 países.