DIXITEGA presenta a futura plataforma TIC de Ternera Gallega na conferencia da Rede PAC da UE en Estoril
De entre os 3.400 Grupos Operativos desenvolvidos desde 2012 na Unión Europea, o GO DIXITEGA (Dixitalización da cadea de valor da IXP Ternera Gallega) foi un dos seleccionados para contar cun stand propio na Conferencia da Rede PAC da UE "Grupos Operativos EIP-AGRI: Innovación na práctica”. O encontro sectorial celébrase ata este mércores en Estoril (Portugal) coa asistencia prevista dunhas 450 persoas.
O obxectivo principal da conferencia é dobre. Por unha parte, resaltar a boa implementación da Asociación Europea de Innovación a través dos Grupos Operativos, un dos seus principais piares. Pola outra, aprender desta experiencia para desenvolver os proxectos no marco da PAC 2023-2027.
Durante estes dous días, o director de Investigación e Innovación da Fundación Juana de Vega (entidade coordinadora del GO DIXITEGA), Alfonso Ribas, representará ao consorcio e amosará os resultados conseguidos ata o momento, ademais das fases de traballo completadas desde setembro do 2022 e que culminarán a finais de setembro deste ano.
Desde o stand habilitado no Centro de Congresos de Estoril, compartirá un avance da nova plataforma TIC, que reúne nun único lugar datos de diferentes fontes para que os axentes da cadea de valor da IXP Ternera Gallega coñezan en tempo real información relevante que lles permita optimizar o seu traballo diario.
A través desta aplicación, produtores, cooperativas, industrias alimentarias, cadeas de distribución, organizacións agrarias, centros tecnolóxicos, grupos de investigación ou administracións públicas poderán interactuar e compartir información sobre o custo de materias primas, evolución de prezos, oferta e tipoloxía dos animais dispoñibles para comercialización, estadísticas de produción, sacrificio ou consumo, entre outros.
O obxectivo final de DIXITEGA é, por tanto, achegar solucións prácticas e innovadoras que fomenten a competitividade, a produtividade e a viabilidade dun sector estratéxico para o medio rural de Galicia.