A campaña de publicidade online de Ternera Gallega Suprema roza os 22 millóns de impactos

A IXP Ternera Gallega desenvolveu durante o mes de abril unha ampla campaña de ámbito dixital e cobertura nacional e autonómica, coa finalidade de achegar as cualidades diferenciais de Ternera Gallega Suprema ao seu público obxectivo e incentivar o consumo. Alcanzáronse 18,5 millóns de impresións, supoñendo preto de 22 millóns de impactos, actuando en diferentes plataformas e canais.

A notoriedade da campaña logrouse a través da televisión conectada (SmartTV e Multidispositivo). A publicidade da IXP emitiuse en diferentes canais das cadeas líderes, Atresmedia e Mediaset, e da plataforma Disney+, empregando varios formatos: imaxe fixa tipo banner e spot. Materiais que tamén se utilizaron nas redes sociais Instagram, Facebook e Tik Tok, sendo a primeira vez que Ternera Gallega se achega a esta canle máis enfocada á xeración Z e na que se lograron resultados especialmente bos entre o público de 18 a 24 anos.

A campaña tamén abordou as dúas plataformas de internet con máis visitas de toda España, segundo os datos do Estudio Xeral de Medios: Youtube e Spotify. Ademais, o spot de Ternera Gallega Suprema empregouse en publicidade programática, aparecendo en medios xeralistas, revistas lifestyle, diarios deportivos e xornais económicos de cobertura estatal.  

Coas posibilidades de segmentación que ofrece o ámbito online, a campaña dirixiuse principalmente aos Responsables de Compra do Fogar das zonas de maior interese comercial para a IXP: Madrid, Barcelona, País Vasco, Baleares e Comunidade Valenciana, ademais de Galicia. As plataformas e redes sociais escollidas tamén permitiron presentar a carne certificada ante un público novo, futuro comprador.  

Accións con influencers 

Esta campaña publicitaria completouse con outra acción promocional en Instagram da man de creadores de contido gastronómico, que superou os 2,3 millóns de visualizacións. Con María Marín, de Cenas para Peques, a IXP buscou achegarse a un público familiar mediante unha receita elaborada pola autora, na que destacou as achegas nutricionais de Ternera Gallega Suprema. Mentres que Alfredo Vozmediano optou por divulgar diferentes pezas e as preparacións máis axeitadas para cada unha, xunto a diversas elaboracións como salsas, glasados ou mariñadas.

Outras accións promocionais

Fóra do mundo dixital, a IXP mantivo as súas actuacións habituais durante os últimos meses. A nivel estatal, xunto aos medios sectoriais cárnicos, tamén realizou insercións en tres das cinco revistas semanais máis lidas de toda España - Lecturas, Diez Minutos e Semana - que suman máis de 2,1 millóns de lectores. 

En Galicia, as actuacións dirixíronse ás radios autonómicas coa emisión de 140 cuñas e a participación en programas durante varias semanas para divulgar diferentes aspectos sobre a IXP: desde as súas categorías comerciais, as súas etiquetas, as pezas e os usos culinarios ata os valores nutricionais e organolépticos da carne certificada. Por outra banda, a imaxe de Ternera Gallega Suprema tamén se publicitou en xornais rexionais como La Voz de Galicia, El Progreso, La Opinión A Coruña, El Correo Gallego ou as diferentes cabeceiras de grupo Capital (El Ideal Gallego).