
A carne de Ternera Gallega Suprema protagoniza a Feira degustación de Láncara
Como cada 1 de maio, a Pobra de San Xiao, no concello de Láncara, celebrou unha nova edición da Feira de Ternera Gallega, declarada de interese turístico de Galicia. No recinto feiral, ofreceuse un xantar degustación de carne da categoría Suprema, que se serviu ‘ao caldeiro’ e en costela asada.
Tamén houbo unha mostra de gando e unha poxa de xovencas, organizada por Acruga, na que participaron 75 animais de ganderías de O Corgo, Samos e Friol. Ata 2.700 euros alcanzaron tres xovencas preñadas da Granxa Gayoso Castro.
A XXVI edición da festa completouse con varias actuacións musicais e deportivas e cunha exhibición ecuestre. Ademais, estivo precedida pola XVI Festa das avoas e dos avós, ambientada tamén con música e un xantar popular.
Esta cita anual en Láncara reúne a veciñanza e visitantes, poñendo en valor a gastronomía e a cultura galegas, ademais da gandería e a calidade da carne con selo IXP.