
Ternera Gallega recolle o premio de gastronomía Lola Torres pola súa calidade
- Concedido pola Fundación Amigos de Galicia, este galardón destaca a calidade da carne certificada pola IXP e pon en valor o traballo das 8.000 gandarías inscritas na Denominación.
- Durante o acto de entrega, tamén se rendeu homenaxe a 40 das gandarías máis senlleiras do selo de calidade.
- O presidente do Consello Regulador das IXP Ternera Gallega e Vaca Galega-Boi Galego, Jesús González Vázquez, dedicou o premio a todos os gandeiros e gandeiras que fan posible o prestixio e a calidade da carne certificada.
A IXP Ternera Gallega recibiu na Cidade da Cultura o XIX Premio Nacional de Gastronomía Tradicional Lola Torres. Recolleuno o presidente do Consello Regulador, Jesús González Vázquez, nun acto que estivo presidido pola conselleira do Medio Rural, María José Rodríguez, acompañada polo alcalde do Grove, José Antonio Cacabelos, polo presidente da Fundación Amigos de Galicia, Ramiro José Varela Cives, e polo subdirector do Centro Superior de Hostalaría de Galicia, Luís Rial Sierra.
Durante a súa intervención, Jesús González dedicou o premio a todos os gandeiros e gandeiras “xa que son eles e elas quen fan posible o prestixio e a calidade da carne amparada por Ternera Gallega”. “Este galardón non só significa un recoñecemento a un produto de calidade como é a carne de Ternera Gallega, senón que tamén supón unha clara posta en valor do traballo que realizan as 8.000 gandarías inscritas”, destacou.
O presidente de Consello Regulador sinalou tamén “que o xurado valorase o impacto de Ternera Gallega como a IXP máis destacada do sector cárnico español e referente no vacún, tanto en España como en Europa, implica un recoñecemento ao traballo ben feito froito do control integral da calidade, desde a crianza dos animais ata a presentación da carne amparada nos puntos de venda”.
No evento, homenaxeouse a corenta das gandarías máis senlleiras da Indicación Xeográfica Protexida. Todas elas recibiron un recoñecemento polo seu labor da man dos donos/as e chefs do Restaurante Solaina (O Grove), José Luis Padín Noya; do Restaurante Veiramar (Arcade), Paco Amoeiro; do Restaurante Chef Rivera (Padrón), José Antonio Rivera Casal; do Restaurante Casa Jaumet de Torá (Lleida), Jaume Marimon Closa; do Restaurante O Ruedo (Vilagarcía de Arousa), Óscar Caseiro, e do Restaurante Regueiro da Cova (Monterrei), Begoña Vázquez Gago.
Esforzo e bo facer
Convocado pola Fundación Amigos de Galicia, en colaboración co concello do Grove, a Axencia Turismo de Galicia e o Centro Superior de Hostalaría de Galicia, o xurado do Premio Nacional de Gastronomía Tradicional "Lola Torres" elixiu á IXP Ternera Gallega entre 84 propostas, entre as que se atopaban outras Denominacións de Orixe e restaurantes de toda España, destacando o esforzo e o labor dos produtores e produtoras inscritos.
A carne de Ternera Gallega procede exclusivamente de animais nados, criados e sacrificados en Galicia, contando no 2024 con arredor de 8.000 explotacións inscritas e 167 industrias (entre matadoiros, salas de despezamento e comerciais cárnicas). Rexistráronse o ano pasado máis de 131.000 tenreiros e certificáronse máis de 104.600 canais, que superaron as 24.100 toneladas de carne comercializada baixo a IXP.
Un premio con historia
O Premio Nacional de Gastronomía Tradicional Lola Torres nace no ano 2002, como homenaxe a todas as cociñeiras galegas que fixeron cátedra nos fogóns e que colocaron no lugar merecido a cociña tradicional galega. É convocado anualmente pola Fundación Amigos de Galicia coa colaboración do Concello do Grove (Pontevedra), a Axencia Turismo de Galicia e do Centro Superior de Hostalaría de Galicia.
Como homenaxe ás mulleres que estaban á fronte das cociñas galegas nos anos de posguerra, o premio acordou chamarse Lola Torres, en honra a esta cociñeira do Grove, que se converteu nunha das grandes referentes da gastronomía tradicional.