
As carnes de Ternera Gallega e de Vaca Galega, xunto a Experiencias de Calidade, en Madrid
Os alimentos galegos do campo e do mar foron os protagonistas dun encontro culinario celebrado no centro de formación MOM Culinary Institute en Madrid. Unha cita na que medios de comunicación, profesionais da restauración e da hostalaría e responsables de compras e da distribución puideron achegarse á calidade e á variedade de produtos con IXP e DOP que ofrece Galicia.
O vacún autóctono estivo presente a través da carne certificada de Ternera Gallega, que o cociñeiro Miguel Vidal, do Restaurante Bancal, preparou no momento en albóndegas. Tamén se exhibiu o vacún maior, do que o chef do Restaurante España, Héctor López, ofreceu a súa afamada costela de Vaca Galega, que asada durante horas ao forno.
O evento supuxo unha grande oportunidade para presentar aos profesionais do sector e aos xornalistas especializados en gastronomía a versatilidade das carnes certificadas e incidir na importancia do selo IXP e das etiquetas que acompañan o produto.
Estrelas no camiño
En Galicia, Ternera Gallega tamén colaborou co evento ‘Estrelas no Camiño’, celebrado en Negreira e que anualmente xunta a unha trintena de cociñeiros con máis de sesenta Estrelas Michelín. A IXP proporcionou a carne certificada para elaborar un xarrete guisado, dentro dun menú con outros alimentos con selo de calidade diferenciada e con produtos galegos recoñecidos.
Ademais de ser un escaparate para os produtos galegos en torno a chefs de renome, este evento ten fins solidarios. Coa asistencia dunhas 400 persoas, os fondos recadados destinaranse á Asociación A Creba, de atención á saúde mental, e á Fundación de Persoas con Discapacidade Intelectual Barcala.