A IXP participa de novo na campaña Quere o teu mercado

Como xa é habitual, Ternera Gallega volveu participar este ano na campaña de posta en valor das prazas de abastos ‘Quere o teu mercado’. Fíxoo en Ourense, ofrecendo dúas degustacións, o venres e o sábado, nas que o produto amparado se preparou á prancha e acompañouse con Pan de Cea IXP. 

Os festexos completáronse tamén con actuacións musicais, pasarrúas, obradoiros para os cativos e cativas e reparto de agasallos. 

‘Quere o teu mercado’ contou coa participación de 63 prazas de 52 concellos de toda Galicia, entre eles catro da provincia de Ourense: O Carballiño, O Barco de Valdeorras, Ribadavia e Ourense, implicando a 2.550 praceiras e praceiros. 

Unha iniciativa que busca fortalecer as prazas de abastos como espazos fundamentais do comercio de proximidade e elementos vertebradores do territorio, atraendo a público novo e poñendo en valor os alimentos galegos de calidade.