Primeira Xornada Técnica do Grupo Operativo de Granxas Modelo
Despois de case un ano de traballo, o Grupo Operativo Rede Galega de Granxas Modelo - no que colaboran Ternera Gallega, a Fundación Juana de Vega e a Cooperativa A Carqueixa - presenta un avance dos seus primeiros resultados nunha Xornada Técnica que se celebrará o mércores 8 de outubro en San Román de Cervantes (Lugo).
Os gandeiros e gandeiras da IXP poden asistir previa inscrición neste enlace, antes do luns 6 ás 12 horas.
A Xornada Técnica arrincará ás 11 da mañá cunha exposición sobre os obxectivos do Grupo Operativo a cargo do técnico da Fundación Juana de Vega, Adrián Sánchez, que tamén vai ofrecer datos do sector cárnico en Galicia e unha presentación da granxa típica de vacún de carne. A continuación, o director da Fundación, José Manuel Andrade, explicará o estudo sobre os custos de produción.
Despois de abordar estas primeiras conclusións, haberá dúas presentacións da Cooperativa a Carqueixa, que tratarán dos seus proxectos e da Comunidade de Montes de Moreira: os pastos comunais e de alta montaña. A Xornada vai rematar cunha degustación de produtos elaborados pola cooperativa.
Deste xeito, chega ao seu ecuador o Grupo Operativo Rede Galega de Granxas Modelo, un proxecto de dous anos de duración, que procura calcular os custos de produción para contribuír á correcta aplicación da Lei da Cadea Alimentaria e ofrecer información económica e financeira relevante ás ganderías para mellorar a súa xestión.