A carne certificada degustouse en Madrid e na feira Etiqueta Negra de Pontevedra

A costela asada de Boi Galego acaparou os eloxios nun evento promocional dirixido aos sectores da restauración, da distribución e da prensa gastronómica de Madrid, que se celebrou no Mom Culinary Institute baixo a organización da Agacal e de Galicia Calidade. Ademais de destacar a excelencia e a orixe do vacún maior certificado, a cita permitiu incidir nas cualidades diferenciais de Ternera Gallega, que tamén formou parte das degustacións ofrecidas polo Grupo Nove en Pontevedra, dentro das actividades de Etiqueta Negra.

En Madrid, o cociñeiro Héctor López preparou a costela de Boi Galego a baixa temperatura, poñendo sobre a mesa a súa potencia de sabor, zumarencia e aromas. Tamén presentou un rosbif de redondo de Ternera Gallega; de xeito que os asistentes puideron comprobar as diferencias organolépticas entre a carne de animais novos e a do vacún maior e coñecer a variedade de produtos con orixe galega certificada que ofrecen as IXP.

Pola súa parte, Javier R. Ponte “Taky”, pertencente ao Grupo Nove, cociñou en Pontevedra un menú de dez pratos, no que Ternera Gallega foi a protagonista en tres deles. Escolleu a carne certificada para elaborar un tartar e un rosbif, ademais de preparar o filete do carniceiro á prancha. Nesta edición, a feira gourmet Etiqueta Negra alcanzou grandes cifras de asistencia, ao superar os 8.000 visitantes.