Man de obra, bos prezos e superficie: as claves para o futuro do campo
O Consello Regulador participou na Mesa do Agro organizada por El Correo Gallego para afondar nas cuestións clave para o mantemento da actividade gandeira no rural e fixar poboación nel. Tratáronse aspectos como o relevo xeracional, a dispoñibilidade de terras, o acceso aos servizos ou a negociación dos prezos. O presidente das IXP, Jesús González, compartiu conversa co director de División Agrogandeira de CLUN, Ángel Palacios, o presidente de Unións Agrarias, Roberto García, e o director xeral de Gandería da Xunta, José Baldeiros.
Jesús González apostou por políticas de discriminación positiva para animar aos mozos e mozas a quedar no rural, recordando que a media de idade dos titulares das explotacións inscritas en Ternera Gallega é alta, ademais de tratarse de ganderías pequenas as que lles custa gañar en competitividade.
Sobre os prezos, o presidente do Consello Regulador recordou que agora nos atopamos nun contexto xeral de escaseza de carne. Sinalou que se debería buscar unha maior estabilidade, cuns prezos que reflictan o importante labor das ganderías e, coa base da rendibilidade para o produtor, negociar as marxes de beneficio xunto ás industrias e a distribución.
González tamén demandou políticas europeas máis estables xa que, considera, os continuos cambios normativos e o exceso de burocracia desaniman aos produtores e, sen eles, camiñamos para o desabastecemento alimentario. Apuntando tamén a Europa, o presidente de Ternera Gallega defendeu as políticas medioambientais e a conservación da fauna silvestre, pero sen que os gandeiros e gandeiras se vexan prexudicados por elas.
Por outra banda, e segundo explicou González, o sector cárnico non presenta os mesmos problemas de man de obra que o leiteiro, pero si comparte a dificultade de acceder a superficie suficiente. Unha problemática destacada xa que a actividade das ganderías de vacún permite manter o campo coidado e prepara o terreo ante posibles incendios.