Ternera Gallega expón a súa calidade en Xantar
Como xa é tradición, a IXP acudiu un ano máis a Xantar, o Salón Internacional de Turismo Gastronómico, que se celebrou en Ourense entre o xoves e o domingo. A través dunha proposta de tapas, Ternera Gallega amosou a variedade das súas pezas, tanto para petiscos sinxelos, en cru ou con pouco cociñado, como para ideas máis elaboradas.
A croca, a tapa da pa e o xarrete foron os cortes escollidos polo chef Ángel Parada. De primeiro, propuxo un prato rápido e fácil de preparar, pero orixinal e con moito sabor: un tataki con tomate seco. Para a prancha, optou por unha das pezas máis versátiles do vacún. A tapa da pa emprégase habitualmente para guisos ou asados, pero coa axeitada preparación previa é un corte perfecto para facer volta e volta, mol e zumarento. E como remate, o sabor máis potente púxoo un guiso de xarrete, servido como recheo dunha pan brioche.
Ademais de explicar ao público asistente as posibilidades culinarias das diferentes pezas, tamén se amosou todo o traballo que hai detrás do selo Indicación Xeográfica Protexida. Desde o labor das ganderías para o futuro do rural ou o tipo de crianza e alimentación dos animais amparados ata o sistema de control que asegura a calidade e a rastrexabilidade da carne certificada en todo momento. Tamén se incidiu nas etiquetas que sempre a acompañan e nas diferentes categorías comerciais que identifican.