A formación do Consello Regulador chega ao CIFP Compostela

Ademais dos seminarios que Ternera Gallega desenvolve coas cadeas de distribución para ampliar a formación do seu persoal de carnizaría, a IXP tamén imparte estes cursos aos futuros chefs profesionais. Este luns, os alumnos do CIFP Compostela – estudantes dos cursos de Dirección de Cociña e de Servizos en restauración – puideron saber máis sobre a carne certificada e as súas posibilidades gastronómicas. 

Coñecer o produto, a súa calidade e de onde provén, destacando o traballo dos gandeiros e gandeiras inscritos, achega aos alumnos ao valor engadido que ofrece Ternera Gallega. Non só como unha carne mol e con sabor, ideal para as mellores receitas, senón tamén como garante do futuro do medio rural e da súa rendibilidade económica, social e ambiental. Unha conxunción de atributos que o Consello Regulador transmitiu aos estudantes, co obxectivo de que aposten pola carne certificada nas súas carreiras profesionais.

Ademais da clase teórica sobre o sistema de crianza, a alimentación e o manexo dos animais dentro da IXP, o control da rastrexabilidade do produto e a súa etiquetaxe distintiva, o seminario afondou nas diferentes pezas do vacún e nos seus usos culinarios. A tapa da pa, o vacío, o corte redondo ou o pez serviron para que os estudantes practicaran o corte e o despezamento. E remataron coa elaboración das pezas, aprendendo as técnicas de cociñado para preparacións á prancha ou en cru.