O Consello Regulador das IXPs Ternera Gallega e Vaca Galega-Boi Galego manifesta a súa preocupación polas consecuencias do Acordo UE-Mercosur e reclama melloras na PAC
- Tamén resalta a importancia dos selos europeos de calidade como a mellor maneira de diferenciarse no mercado e de ofrecerlles as máximas garantías aos consumidores
O Consello Regulador está maioritariamente de acordo coas reclamacións das agrupacións gandeiras polo Tratado comercial entre a Unión Europea e Mercosur e as súas posibles consecuencias para o sector, ao favorecer a entrada de carne de terceros países que teñen normativas e controis de calidade, de sostibilidade e de benestar animal moito menos esixentes que en Europa. Desde as IXPs Ternera Gallega e Vaca Galega Boi Galego reclamamos medidas efectivas e recíprocas para poder competir en igualdade de condicións e así garantir a seguridade alimentaria, a viabilidade do sector e o futuro do noso medio rural.
O acordo con Mercosur vai facilitar a entrada no mercado europeo de carne de América do Sur, que ten uns custos de produción máis baixos, pero tamén con menores requisitos en cuestións sanitarias, medioambientais ou laborais. Esta situación pode supoñer unha ameaza para o sector de vacún de carne de Galicia, polo que o Consello Regulador esíxelle ás Administracións salvagardas e controis reais e eficientes que eviten posibles situacións de competencia desleal.
Rastrexabilidade, control e certificación = Garantía
As gandarías inscritas en Ternera Gallega e en Vaca Galega-Boi Galego distínguense por ofrecer un produto de gran calidade e por garantir a súa orixe e rastrexabilidade en base ao sistema de control e de certificación que o Consello Regulador aplica en todas as fases da cadea (tanto nas explotacións e nas industrias cárnicas como nos puntos de venda), así como os máximos estándares en cuestións de benestar animal certificado. Neste senso, as Indicacións Xeográficas, identificadas polos seus logotipos propios e polos selos europeos de calidade, sempre serán a maior das garantías para os consumidores. Por iso é necesaria unha maior implicación e esforzo das administracións públicas europeas, estatais e autonómicas para apoiar e defender os produtos de calidade diferenciada e a transparencia no mercado.
Fronte a grandes producións dos terceiros países que forman parte de Mercosur, a Unión Europea ten que seguir apostando pola soberanía alimentaria propia e pola defensa do valor engadido que achegan as Indicacións Xeográficas Protexidas, xa que tamén están vinculadas cunha forma de producir tradicional, con pequenas e medianas gandarías e cebadeiros de carácter familiar, que contribúen ao mantemento do medio rural e á súa viabilidade socioeconómica e medioambiental. Agora mesmo, son 8.000 as explotacións inscritas en Ternera Gallega, moitas delas situadas en zonas de media e alta montaña, que sen lugar a dúbidas axudan a fixar poboación no territorio e a manter vivo o campo galego.
Ademais, en Galicia, temos que resaltar a produción de carne de vacún como un produto de proximidade. “Non podemos estar de acordo co paradoxo de que o sector gandeiro reciba críticas polo seu impacto ambiental e que deba cumprir coas lóxicas esixencias que aminoren as súas emisións, cando, ao mesmo tempo, con este Tratado, a Unión Europea está favorecendo a importación de carne desde países de América do Sur, coa pegada ambiental que iso supón dada a súa distancia xeográfica”, segundo manifesta o presidente do Consello Regulador, Jesús González Vázquez.
A vindeira Política Agraria Común
O Consello Regulador tamén está de acordo coas demandas do sector para que Europa manteña, cando menos, o actual nivel de financiamento para o novo período da PAC e que se conserven os piares que respaldan as axudas directas e as axudas de desenvolvemento rural.
Ademais, “reivindicamos unha maior estabilidade nas políticas que afectan ao sector primario e una maior simplificación da Política Agraria Común, reducindo as excesivas esixencias burocráticas actuais que afectan negativamente aos gandeiros e gandeiras, así como que haxa unha dotación orzamentaria potente que fomente, de verdade, a incorporación da mocidade ao sector primario”, conclúe González Vázquez.