O novo Prego de Condicións da IXP Vaca Galega-Boi Galego publícase no DOG

- O período de acabado mínimo dos animais será obrigatorio no caso das ganderías de leite e recomendable nas de carne

- Permítese a conxelación da carne certificada para a súa comercialización en terceiros países fóra da Unión Europea

Este luns 16 de febreiro, o Diario Oficial de Galicia publicou a resolución de aprobación da modificación do Prego de Condicións da IXP Vaca Galega-Boi Galego, que presenta novidades en aspectos como o período de acabado, a maduración da carne e a súa conxelación, a conformación dos canais e o benestar animal, entre outros. Trátase dos cambios acordados a finais do 2024 polo pleno do Consello Regulador, conformado por oito representantes da produción e outros oito da comercialización.

Unha das principais modificacións afecta ao período mínimo de acabado dos animais, de seis meses. No Prego anterior era obrigatorio para todas as explotacións, pasando agora a ser recomendable no caso das ganderías cárnicas e manténdose como obrigatorio nas de orientación leiteira. O acabado é fundamental para conseguir un bo engraxamento -moi valorado no vacún maior- e debe planificarse segundo o estado cárnico do animal, o manexo ou a súa alimentación. As vacas de explotacións cárnicas presentan unha mellor conformación que as de leite, que precisan un proceso de recuperación corporal e engorde tras a lactancia. 

Outro dos cambios destacados refírese á conxelación da carne certificada. Ao igual que no Prego de Condicións da IXP Ternera Gallega, ábrese a posibilidade de conxelar o produto amparado, conservando a certificación, para a súa venda en mercados de terceiros países fóra da Unión Europea; a excepción de Andorra e Xibraltar, que non requiren deste procedemento de conservación debido á súa proximidade. 

Ademais, o novo texto suprime os prazos de maduración da carne que recollía o prego anterior, ao considerar que se trata dun aspecto que afecta só á comercialización e non á fase de produción. Serán os establecementos e os restaurantes os que maduren a carne segundo as súas necesidades comerciais ou o perfil dos seus clientes; moitas veces definido polas tendencias do mercado, con tempos que varían segundo o método empregado, ata as maduracións en seco ou dry age. 

No que respecta á conformación dos canais, exclúese a subclase O (admisible ata agora) e establécese como mínima a O+. O obxectivo é lograr una maior homoxeneidade dos canais certificados e reforzar a súa calidade. Así, as clases de conformacións incluídas na certificación son E, U, R e a subclase O+.

Por outra banda, e seguindo a liña do último Prego de Condicións de Ternera Gallega, a normativa de Vaca Galega-Boi Galego incorpora novas prácticas de mellora do benestar animal e da protección do medio ambiente. Son requisitos referidos á limpeza e a liberdade de movementos dos animais, o estado dos patios e das zonas de descanso, a ventilación e a iluminación, ademais de cuestións como o pastoreo e o acceso á comida e bebida. No que respecta aos tratamentos terapéuticos dos animais, elimínase a obriga de que os prazos de supresión sexan do dobre que a lexislación vixente nesta materia, ao carecer de marco normativo que a sustente e sen evidencias técnicas que a xustifique.

Contra esta resolución, que non esgota a vía administrativa, pode interpoñerse un recurso de alzada ante a Consellería do Medio Rural no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG. A aplicación efectiva das modificacións producirase unha vez cumprido ese prazo.