Como cebar as vacas de leite para destinalas a carne?

O Centro de Investigación Agrarias de Mabegondo destaca a necesidade de que as explotacións leiteiras valoricen as súas vacas de desvelle mediante o cebo, co fin de destinalas a venda para carne, como vía complementaria para obter maior rendibilidade. Como sinala o CIAM, o 56 % das vacas que chegan agora a matadoiro non cumpren os requisitos de conformación e engraxamento da IXP Vaca Galega-Boi Galego, que tamén esixe un período de acabado de 6 meses, como mínimo, para as ganderías de leite (no caso das de carne, este tempo é recomendable).

Como acontece cos tenreiros, a investigadora Teresa Moreno recomenda neste artigo que o cebo das vacas coincida co pasto da primavera. Aconsella sacalas de muxir en xaneiro, darlles un mes de recuperación e introducilas no pasto desde marzo ata xuño. Desde xullo, pasarían a alimentarse con silo de herba e 12 Kg de penso por animal e día, ata sacrificarse no mes de novembro. 

O concentrado empregado nos estudos do CIAM está formulado expresamente para o vacún maior, cun contido en graxa bruta do 12 % e con máis do 50 % de amidón, que favorece a graxa infiltrada. Tamén estudaron se é mellor empregar pastone e herba seca ou silo de millo e concentrado e comprobaron que, coa primeira opción, precisaron 8 meses de engorde fronte aos 5 meses da segunda. Ademais, segundo destaca Moreno, hai diferencias ao cebar con penso ou con fariña de millo. Conseguiron 1,1 kg de ganancia media diaria con penso fronte á metade coa fariña de millo e, no engraxamento, o penso deu un grado 4+ e a fariña, 3.

O tempo de cebo varía segundo a alimentación pero tamén segundo a condición corporal das vacas, polo que é interesante analizar as formas do animal e a súa evolución durante o engorde. Neste sentido, desde o CIAM lembran que se poden observar os cúmulos de graxa arredor da cola para establecer esa condición corporal e o nivel de engraxamento ou empregar ultrasóns para medir o espesor da graxa subcutánea. 

Tamén o perímetro do peito da vaca é un indicativo da conformación que pode lograr o canal. Segundo apunta Teresa Moreno, os canais de alto valor nas vacas, de máis de 380 kg/canal, superan os 800 kg de peso vivo. En canto á idade, que tamén inflúe nos posibilidades do engorde, sinala que as mellores vacas para cebar sitúanse entre os 5 e os 8 anos. 

En canto ás razas, Moreno subliña que unha vaca frisoa, por exemplo, logra unha porcentaxe de graxa infiltrada maior que a Rubia Galega. Nesta raza, o CIAM aposta por buscar a aptitude láctea  con vacas de liña de vida, o que permitirá obter canais con máis cobertura graxa e infiltración. Por outra banda, as investigación realizadas polo Centro amosaron que as vacas castradas conseguen mellores ganancias medias diarias no engorde e tamén máis graxa intramuscular fronte as que non están castradas.