As IXP Ternera Gallega e Vaca Galega-Boi Galego demostran a calidade das carnes certificadas en Alimentaria Barcelona

    • O Consello Regulador de ambas IXP despregou un amplo programa de actividades na feira de alimentación máis destacada de España, ofrecendo 5 presentacións culinarias sobre a versatilidade do produto amparado e o valor engadido que achega.

    • Tamén realizou tarefas de promoción e atendeu as necesidades informativas dos visitantes profesionais con interese comercial, co fin de xerar novas oportunidades de negocio para as industrias cárnicas inscritas e, en consecuencia, mellorar a rendibilidade das ganderías dos dous selos de calidade.
      

As carnes certificas de Ternera Gallega e Vaca Galega-Boi Galego amosaron a súa calidade e a versatilidade das diferentes pezas en Alimentaria Barcelona, a feira de alimentación e bebidas máis destacada de España e referente a nivel internacional, que se celebrou entre o luns e este xoves e na que o Consello Regulador participou como coexpositor no stand da Consellería do Medio Rural, no pavillón Intercarn. Máis de 150 persoas asistiron aos cinco showcookings ofrecidos polas dúas IXP, dirixidos tanto aos profesionais cárnicos e do sector Horeca como aos consumidores, aos medios especializados e aos divulgadores gastronómicos.

As demostracións culinarias foron dirixidas polo chef do grupo Nove e un dos maiores especialistas en carne de vacún, Javier Rodriguez Ponte “Taky”, que levou aos asistentes a unha viaxe gastronómica a través de diferentes pezas e estilos de cociñado; desde o tradicional e o innovador e desde as preparacións rápidas e sinxelas en cru ata as receitas máis elaboradas e con potencia de sabor, sen esquecer os cortes ideais para a grella. Coa croca e coa picaña de Ternera Gallega Suprema ofreceu un steak tartar diferente ao habitual, fresco e lixeiro; ao que lle seguiu un rosbif de redondo da mesma categoría comercial, feito no forno en menos de quince minutos e conservando o seus zumes. Para a prancha, Taky escolleu pezas como a tapa da pa, o filete de vacío e o Denver cut e comparou diferentes texturas e a intensidades ao empregar carne de Ternera Gallega Suprema, de Vaca Galega Selección e de Boi Galego Selección. Como prato final, a ‘Ternerita pibil’ de Ternera Gallega, un guiso de referencias mexicanas e con gran sabor.

     

Os showcookings tamén permitiron divulgar información sobre as IXP, intercalando as presentacións culinarias con explicacións sobre o valor diferencial dos selos de calidade. O director de Promoción do Consello Regulador, Luis Vázquez, destacou o traballo dos gandeiros e gandeiras inscritos, facendo fincapé no tipo de producións e sistemas de crianza, e recordou que a súa actividade permite manter vivo o medio rural, tanto a nivel socioeconómico como medioambiental. Tamén abordou o sistema de control e rastrexabilidade que aplican as IXP en todas as fases da cadea para garantir a orixe e a calidade final das carnes certificadas. E subliñou a importancia da súa etiquetaxe como único método para evitar enganos e ter a seguridade de que consumimos o produto amparado.

Coas carnizarías tradicionais e cos visitantes ao stand 

Como acontece en cada edición de Alimentaria, o Consello Regulador mantivo un encontro directo cos profesionais das carnicerías catalás que contan con acordo de colaboración para a venda de Ternera Gallega. Unha reunión máis persoal que permite afianzar os lazos cos puntos de venda acreditados e intercambiar opinións e necesidades mutuas. 

Ademais, durante os catro días de duración da feira, o persoal de promoción do Consello Regulador atendeu aos visitantes que se achegaron ao stand co obxectivo de coñecer as características diferenciais de Ternera Gallega e Vaca Galega-Boi Galego. Profesionais dos sectores cárnico e hostaleiro procedentes de diferentes zonas de España, como Madrid, Cataluña, Comunidad Valenciana, Andalucía ou Baleares e doutros países como Italia, Francia, Alemaña, Letonia, Polonia ou China, entre outros; que recibiron material informativo e divulgativo sobre as IXP e as categorías comerciais do produto. 

     

A presenza do Consello Regulador nunha feira de perfil internacional como Alimentaria Barcelona busca abrir novos mercados, tanto dentro como fóra das nosas fronteiras, ao presentar a carne amparada a un visitante moi cualificado, con poder de prescrición e compra. Unha edición máis, o pavillón Intercarn -onde se situaron as IXP- foi o eixo central da feira, concentrando o 25 % do espazo expositivo. A nivel xeral, Alimentaria rozou os 110.000 asistentes.