Gadis segue confiando en Ternera Gallega para a formación do seu persoal

Tras retomar os cursos formativos en marzo, este mes outros seis novos grupos de profesionais de carnizaría de Gadis asistiron aos seminarios sobre as carnes certificadas. Máis de cen persoas, nesta ocasión, procedentes de diferentes establecementos de Ourense, A Coruña, Ferrol, Lugo, Astorga e Ponferrada, entre outras zonas. Seguindo a liña do ano pasado, a cadea de distribución galega aposta por que todos os seus carniceiros e carniceiras reciban esta formación, co fin de afondar nos valores diferenciais de Ternera Gallega e nas posibilidades culinarias das súas pezas para asesorar mellor aos clientes. 

O obxectivo é que os consumidores atopen no persoal de carnizaría os consellos e as recomendacións máis axeitados segundo as súas necesidades, tanto gastronómicas como de tempo e de facilidade para a preparación que buscan. Por iso, estas formacións abordan os cortes apropiados para cada uso culinario e descobre novas receitas para pezas como a tapa da pa, a bavette, o filete de vacío, a croca, a tapa ou o xarrete, entre outros. Ideas que tamén buscan ampliar as saídas comerciais para os cortes menos coñecidos, máis aló dos míticos solombo ou entrecosto. 

Para que afloren as cualidades do produto certificado, como o seu sabor, moleza e zumarencia, os cursos da IXP inciden en cuestións técnicas: o sentido do corte, a maduración, o temperado, a conservación. Tamén resolven dúbidas sobre o aspecto da carne: a súa cor, a graxa infiltrada e de cobertura; e sobre outros puntos que poden afectarlle, como a idade do animal, o seu manexo ou a alimentación.

Control e etiquetaxe

Outra das materias clave destas formacións é o sistema de control e rastrexabilidade que o Consello Regulador aplica en todas as fases da cadea, desde o campo e as industrias ata os puntos de venda. Os asistentes achéganse ao traballo diario dos inspectores das IXP que permite asegurar a orixe e a calidade das carnes certificadas. 

Tamén se repasan os requisitos que deben cumprir as ganderías e os animais para poder inscribirse en Ternera Gallega ou en Vaca Galega-Boi Galego e as condicións dos canais para ser certificados. As diferentes categorías comerciais e as etiquetas que as distinguen resultan fundamentais para identificar o produto amparado e evitar confusións con outras carnes sen denominación de orixe. 

Nesa liña, o curso tamén fai un recorrido histórico para explicar os inicios da IXP Ternera Gallega e aclara que significa este selo europeo, que recoñece a calidade dun alimento pola súa orixe, pola súa tradición e polo seu vínculo co lugar xeográfico onde se produce.