Ternera Gallega reforza a súa promoción dixital con novos contidos gastronómicos

    • A IXP presenta a terceira tempada da súa Escola de Cociña, dispoñible na canle de Youtube da Denominación, con receitas innovadoras, consellos prácticos e gran variedade de pezas.
      
    • Ademais, a IXP Vaca Galega-Boi Galego inaugura os seus contidos culinarios destinados ás redes sociais con propostas que achegarán aos usuarios as cualidades específicas do vacún maior certificado.
      
    • O acto de estrea celebrouse na sede do Consello Regulador en Santiago de Compostela e contou coa participación dos catro chefs colaboradores, que ofreceron unha degustación dalgún dos pratos presentados.

 

A IXP Ternera Gallega e a IXP Vaca Galega-Boi Galego estrean novos contidos gastronómicos nas súas redes sociais con propostas adaptadas á cociña actual, consellos prácticos, técnicas de corte e preparación e receitas innovadoras que buscan dar resposta ás necesidades dos consumidores e dos profesionais cárnicos. Unha serie de vídeos culinarios que se presentou este mércores nun acto celebrado na sede do Consello Regulador en Santiago de Compostela, ao que asistiron a conselleira do Medio Rural, María José Gómez; o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros; o director de AGACAL, Martín Alamparte; representantes das dúas Indicacións Xeográficas Protexidas, do sector da carne e da cociña, creadores de contido, prensa especializada e os chefs protagonistas.

Ternera Gallega presentou a terceira edición da Escola de Cociña da súa canle de Youtube, onde a IXP divulga desde hai anos as mellores receitas coas que os usuarios poden coñecer a versatilidade da carne certificada e os consellos prácticos que resaltan as cualidades diferenciais do produto: moleza, zumarencia e sabor. Nesta terceira tempada, a Denominación ofrecerá contidos adaptados ás tendencias actuais: desde o batch cooking e as preparacións para frixideira de aire ata outras en voga, como o ramen ou o pastrami. Tamén vai presentar pratos rápidos e sinxelos para o día a día, con ideas para a prancha, e unha revisión das receitas tradicionais, como a boloñesa ou o rosbif.

Ademais, os usuarios poderán coñecer todas as pezas do vacún e os seus usos culinarios, achegándose aos cortes menos coñecidos —a tapa da pa, a man de diante ou o vacío e as súas diferentes partes— pero con posibilidades gastronómicas á altura dos máis afamados. Os novos vídeos de Ternera Gallega tamén van resolver as dúbidas frecuentes que todos temos á hora de preparar a carne de vacún, especialmente na prancha ou na grella, e explicarán conceptos técnicos que inciden na súa moleza e zumarencia: a maduración, o temperado ou o corte a contrafibra.

Para esta edición, Ternera Gallega contou con tres chefs de referencia e colaboradores habituais da IXP: un dos maiores expertos en carne de vacún e membro do grupo Nove, Javier Rodríguez Ponte “Taky”, (cátering Boketé); un gran coñecedor das Denominacións de calidade, con diferentes recoñecementos polo seu traballo como embaixador das IXP e DOP galegas, Xosé Manuel Mallón (chef de eventos e formacións), e a premiada como Mellor Cociñeira Galega do 2024, a televisiva Begoña Vázquez (restaurante Regueiro da Cova, en Castrelo do Val, e programa ‘A Voltas co prato’, da TVG).

Propostas culinarias co vacún maior certificado

O Consello Regulador tamén presentou os novos contidos audiovisuais da IXP Vaca Galega-Boi Galego desenvolvidos para as redes sociais, co obxectivo de divulgar e poñer en valor as cualidades propias do vacún maior certificado e achegalo ás nosas cociñas particulares; máis aló do seu uso habitual na restauración, onde xa conta cun prestixio amplamente recoñecido. 

Baixo a dirección do actual presidente do grupo Nove e cociñeiro experto na carne de vacún maior, Héctor López (Restaurante España, Lugo), os novos vídeos da IXP amosarán pezas singulares, como o denver cut ou a bavette, e afondarán no coñecemento dos cortes míticos deste tipo de carne: o lombo alto, o lombo baixo e o chuletón

En canto ás receitas, Héctor López ensinaranos a preparar os grandes clásicos pero tamén outros pratos da cociña internacional: desde o seu premiado steak tartar (Mellor Steak Tartar do Forum gastronómico de Barcelona 2023) ou o guiso perfecto ata un katsu sando xaponés.

Tamén vai abordar aspectos de especial consideración no vacún maior co fin de romper mitos e crear realidades, explicando a maduración ou a infiltración da graxa; ademais de incidir nas etiquetas que acompañan as carnes certificadas de ‘Vaca Galega’ e de ‘Boi Galego’ para que os consumidores as recoñezan e saiban distinguilas doutras carnes sen orixe e calidade garantida. 

Nas receitas de ambas IXP, tanto de Ternera Gallega como de Vaca Galega-Boi Galego, as carnes amparadas estarán acompañadas doutros produtos autonómicos con selo de calidade, como os queixos con DOP Arzúa-Ulloa, Tetilla, O Cebreiro e San Simón da Costa, as IXP Pataca de Galicia e Fabas de Lourenzá ou as DO vitivinícolas, entre outras. 

O acto de estrea celebrado este mércores rematou cunha degustación a man dos catro chefs colaboradores, que ofreceron unha mostra das propostas culinarias recollidas nos vídeos presentados. Con esta nova liña de contidos, o Consello Regulador continúa avanzando no seu labor de promoción e divulgación mediante formatos actuais, achegando as carnes certificadas aos consumidores, aos promotores gastronómicos e aos profesionais cárnicos, da distribución e da canle Horeca.