O Consello Regulador colabora con Galis e Agafac na súa Xornada Técnica
A sede do Consello Regulador acolleu a XVIII Xornada Técnica para Responsables de Calidade de Fábricas de pensos Galis, que anualmente reúne a expertos e profesionais para abordar as cuestións e retos clave que afectan ao sector. Nesta edición, coa asistencia de preto de 80 persoas, o encontro tratou aspectos como a bioseguridade, a prevención da lexionelose, os controis de calidade ou as inspeccións.
A Xornada comezaba coa presentación por parte do director de Agafac (Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos), Bruno Beade, quen deu paso á responsable do departamento Técnico da Asociación, Luisa Delgado, para explicar diferentes cuestións sobre a bioseguridade no transporte de materias primas e pensos.
A continuación, o xerente de SERGAL, José Antonio Quiroga, abordou o Real Decreto de prevención e control da lexionelose e as obrigas derivadas para os fabricantes de pensos. E sobre o control de calidade e o manexo seguro de premesturas, falou a responsable de calidade de DSM Iberia, Natalia Castañares.
Outro dos asuntos abordados nesta Xornada Técnica foi o etiquetado dos pensos, do que se encargou o xefe de área de Inspección Veterinaria da provincia de Pontevedra da Xunta, Rufino Paniagua. E para finalizar, o último relatorio tratou a previsión e os resultados do control oficial en alimentación animal, da man do xefe de área do Servizo de Seguridade Alimentaria nas Producións gandeiras da Xunta, José Antonio Varela.
Agafac, control e calidade
A Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos, AGAFAC, está formada por 24 empresas, que representan aproximadamente o 85 % do total de toneladas producidas na nosa comunidade.
Os seus asociados impulsaron, hai máis de 20 anos, Galicia Alimentos Seguros (Galis), un sistema pioneiro de control conxunto creado para garantir a máxima calidade e seguridade nas súas producións. Acolle 59 fábricas de alimentación animal, das que 53 se atopan en Galicia, polo que Galis representa o 96 % da produción de pensos na nosa comunidade. Das fábricas restantes, 4 están en Asturias, unha en Cantabria e outra en Portugal.