A feira de Silleda acolle dúas demostracións culinarias da carne certificada
Unha edición máis, a IXP Ternera Gallega acudiu ao Salón de Alimentación do Atlántico, celebrado entre o pasado xoves e este domingo en Silleda, dentro da tradicional Semana Verde de Galicia. Como en anos anteriores, a Indicación Xeográfica Protexida formou parte das actividades programadas no stand da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, onde ofreceu dous showcookings sobre o produto amparado co fin de achegar ao público asistente as súas cualidades diferenciais e todo o traballo que hai detrás do selo IXP.
Ternera Gallega Suprema protagonizou ambas demostracións culinarias, que presentaron os chefs Marcos Arufe, do Espazo Remollo, e Xosé Manuel Mallón, de Dantaño Food & Service e embaixador dos produtos galegos con calidade diferenciada. Para abrir boca escolleron a croca, unha peza moi coñecida pero coa que ofreceron un prato diferente, sinxelo e fresco: un tataki con tomate seco e queixo.
Para a grella, Arufe e Mallón optaron pola tapa da pa e a bavette. Pezas, neste caso, menos coñecidas ou que se soen empregar só para cocer ou guisar, pero que son moi versátiles noutras preparacións. Así o amosaron ambos cociñeiros, aplicando técnicas de corte e de cociñado que desvelaron a moleza e zumarencia destes músculos, feitos simplemente volta e volta. Momento que tamén permitiu abordar diferentes cuestións que afectan ao resultado final da carne, como a súa maduración ou o temperado.

Os showcookings de Ternera Gallega remataron cun brisket elaborado co peito. O tecido conectivo desta peza transfórmese en xelatina con esta preparación, de orixe norteamericana, na que a carne se asa lentamente durante máis de 12 horas.
A carne certificada combinouse nos diferentes pratos con outros produtos galegos con selo de calidade, como Pataca de Galicia, queixo San Simón da Costa, Tarta de Santiago e Pan de Cea, e as DO Ribeiro e Ribeira Sacra.
A orixe do produto
Ademais das cuestións gastronómicas, as demostracións que ofreceu a IXP tamén achegaron o público ao sistema produtivo das preto de 8.000 ganderías inscritas en Ternera Gallega, amosando o tipo de animais e razas admitidas, a alimentación que reciben e o seu manexo tradicional. Afondan, igualmente, no programa de control e rastrexabilidade, explicando que aspectos inspeccionan os vedores do Consello Regulador en todas as fases da cadea, ata a certificación e etiquetado final da carne amparada.