Mónica Requeijo fusiona tradición, comunidade e novas tecnoloxías na súa gandería inscrita
A súa propia experiencia serviulle de guía para crear Vacantes.gal, un portal gratuíto que funciona como unha rede de contactos para cubrir necesidades laborais, sociais ou culturais no medio rural. Cando Mónica Requeijo, enxeñeira de profesión, se fixo cargo da explotación do seu pai en Abadín (Lugo), tamén debeu recorrer á axuda dos veciños para cuestións que ela mesma non sabía facer, desde arranxar un peche ou picar leña ata buscar un fontaneiro.
Así viu que era necesario poñer en contacto a profesionais de diversas áreas con quen poida precisar os seus servizos, non só no ámbito das ofertas laborais, senón para conectar persoas tamén a nivel social ou no ámbito da vivenda. Os interesados poden poñer os seus datos de contacto na web Vacantes.gal, que ten un sistema interno de mensaxería e que xa conta con máis de 300 usuarios.
Este directorio resume o que para Mónica é o rural, unha gran comunidade, e naceu en agradecemento a esa axuda que a ela lle deu a veciñanza, cando sen coñecer o sector gandeiro quixo continuar o legado do seu pai.
Mirando ao futuro
Ao mesmo tempo que sacou adiante este portal, Mónica tamén desenvolve outros proxectos innovadores na súa explotación, As Vacas dos Meus. Emprega colares de xeolocalización para facer un seguimento das áreas de maior pastoreo e ver en que zonas está máis tempo o gando, instalou cámaras de videovixilancia con panel solar e internet para o control dos animais en extensivo e tamén lles implantou micro chips, que identifican a cada un e len a súa temperatura. Ademais, está a planificar un cambio do pastoreo convencional a un de carácter rexenerativo.

Monica Requeijo é o exemplo de gandeira, nova e emprendedora, implicada nas posibilidades de mellora que ofrecen as tecnoloxías. Con gran capacidade de adaptación, apóiase no pasado para avanzar cara o futuro, defendendo as ganderías como custodios do territorio, que preveñen incendios e sosteñen a economía do rural.