Ternera Gallega participa nos campamentos culinarios da Agacal

A IXP ofreceu catro talleres dentro do campamento Experiencia Galicia Calidade, que está a desenvolver a Agacal neste mes de agosto no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Sergude, en Boqueixón. Arredor de 70 rapazas e rapaces, de entre 9 e 14 anos, asistiron a estas charlas sobre Ternera Gallega e tamén cociñaron o produto. 

Para saber mellor de onde procede a carne certificada, o director de Promoción da IXP, Luis Vázquez, contoulles como son as explotacións inscritas, os animais e as razas amparadas, ademais dos coidados e a alimentación que lles proporcionan os gandeiros e gandeiras e o seu labor parar manter un rural vivo a nivel social, económico e medio ambiental. Tamén lles explicou como  recoñecer a carne polas súas etiquetas, como garantía dun produto de orixe galega e calidade certificada, e a importancia nutricional da achega do vacún na nosa dieta, para unha alimentación sa e equilibrada.

Na parte máis gastronómica, a rapazada puido coñecer as cualidades organolépticas da carne certificada, as diferentes pezas e cales delas son máis axeitadas para a prancha ou para guisar. E xa nos fogóns, eles mesmos cortaron, prepararon e cociñaron diferentes cortes, coma a croca, a tapa da pa ou a punta de contra. Fixeron carpaccios, escalopes, filetóns e minihamburguesas, que combinaron con pan tamén elaborado coas súas mans. Para non esquecer nada do aprendido, recibiron receitarios da IXP con información sobre as ganderías e a carne certificada, ademais de propostas culinarias para todos os gustos.

Os campamentos da Agacal buscan iniciar aos cativos e cativas na cociña, ao tempo que participan en diferentes actividades no medio natural. Ademais da charla de Ternera Gallega, tamén asistiron a talleres sobre Mel de Galicia, os diferentes queixos con selo de calidade ou os produtos de Artesanía Alimentaria.