A Xunta destaca o gran valor de Xenética Fontao para garantir a calidade da cabana bovina galega
A Xunta destaca o gran valor de Xenética Fontao para garantir a calidade e a produtividade da cabana bovina galega
(mediorural.xunta.es 28/0872012) O secretario xeral do Medio Rural e Montes, Tomás Fernández-Couto, acompañou ao director xeral de Agricultura da CE, José Manuel Silva, na visita a este laboratorio. En total o centro posúe 470 touros sementais, dos cales 40 son de aptitude cárnica, principalmente da raza Rubia Galega, e os restantes 430 son de raza Frisona, de aptitude láctea. Ademais Xenética Fontao ten os mellores sementais de raza Frisona de España, tal e como reflicte a última valoración xenética nacional da Confederación de Asociacións de Frisona de España. No ano 2011 o laboratorio produciu e comercializou arredor de 1 millón de doses seminais
O secretario xeral de Medio Rural e Montes, Tomás Fernández-Couto, acompañou ao director xeral de Agricultura da CE, José Manuel Silva, na visita que realizou ao centro de selección e reprodución animal Xenética Fontao, en Lugo. Alí o secretario xeral destacou o gran valor de Xenética Fontao para garantir a calidade e a produtividade da cabana bovina galega, xa que alberga o laboratorio de inseminación artificial bovina máis grande de España.
Dende a súa constitución en 1998 ata a actualidade, Xenética Fontao empregou como sementais a 750 touros de raza Frisona das mellores familias xenéticas do mundo. En concreto este ano estanse a testar 90 touros xóvenes, o que representa o 60% do total nacional. En total o centro posúe 470 touros sementais, dos cales 40 son de aptitude cárnica -principalmente da raza Rubia Galega- e os restantes 430 son de raza Frisona -aptitude láctea-.
Ademais Xenética Fontao ten os mellores sementais de raza Frisona de España, tal e como reflicte a última valoración xenética nacional da Confederación de Asociacións de Frisona de España (CONAFE). De feito, os seis mellores touros por Indice Xenético Combinado Español son galegos e son o Gospell, o Xacobeo, o Lautamic, o Lasson, o Ordes e o Duno. O laboratorio tamén domina a clasificación de mellores touros de raza Frisona de España en caracteres xenéticos individuais.
Produción e distribución
Xenética Fontao busca un equilibrio entre produción e distribución de doses seminais. Así, no ano 2011 produciu e
comercializou arredor de 1 millón de doses seminais. O prezo de venda ó público de cada dose oscila entre 1 e 30 euros
dependendo dos índices xenéticos dos sementais e da súa dispoñibilidade.
O ámbito de actuación fundamental deste centro é Galicia e despois o resto de comunidades autónomas españolas. Ademais na actualidade estase a exportar seme aos países máis desenvolvidos en xenética da raza Frisona como U.S.A., Canadá, Reino Unido, Alemaña, Francia, Italia, Holanda, Australia, Suíza, Suecia ou Finlandia. Tamén se comercializan doses de raza Frisona e Rubia Galega en Latinoamérica, principalmente Brasil e México e noutros mercados como Turquía, Irán ou Arabia Saudí.
Laboratorio
Ademais de producir e distribuír doses seminais de gando bovino, Xenética Fontao realiza servizos de laboratorio de análise seminal, de fecundación in vitro e de xenética molecular. Algúns dos principais servizos que presta o laboratorio de xenética molecular son a identificación xenética e análise de filiación nas especies bovina, equina, caprina, ovina, porcina e canina; a diagnose precoz de freemartinismo e a determinación de enfermidades xenéticas.
O Laboratorio de Xenética Molecular presta servizos a clientes galegos (22%), pero principalmente a clientes do resto de
España (59%) e do resto da Unión europea (19%). Nas dúas últimas anualidades facturou máis de 1,3 millóns de euros.
Repercusión de Xenética Fontao Xenética Fontao permite incrementar o potencial xenético dos animais da cabana bovina e acadar unha mellora da produtividade, establecer as bases dunha produción xenética propia, dispor dun número crecente de touros probados nas condicións ambientais de Galicia, un importante aforro de custos para o sector, xa que o gandeiro galego dispón dunha xenética punteira a nivel mundial a uns prezos moi competitivos. Ademais a través deste laboratorio incorpóranse as biotecnoloxías moleculares e reprodutivas existentes nos países máis desenvolvidos para situar a gandeiría galega ao máximo nivel mundial.
Para acadar os obxectivos prioritarios da empresa, nos últimos anos realizouse unha aposta firme en materia de investigación, desenvolvemento e innovación tecnolóxica, participando tanto nas convocatorias dos programas rexionais como nacionais, mediante a creación de laboratorios ou departamentos de I+D+i.