A demanda de parcelas no Banco de Terras triplicouse tan só un ano despois
A demanda de parcelas no Banco de Terras triplicouse tan só un ano despois da entrada en vigor da Lei de Mobilidade
(medioruralemar.xunta.es 20/12/2012) O Banco de Terras manterá en 2013 os actuais prezos de referencia para o arrendamento de fincas, co fin de seguir facilitando a súa mobilidade . Ao longo de 2012 –transcorrido un ano desde a entrada en vigor da Lei de Mobilidade de Terras– triplicouse a demanda de parcelas xestionadas polo Banco de Terras, con máis de mil solicitudes. Estas peticións vanse formalizar en máis de 700 contratos, dos cales por riba do 70% serán para actividades vinculadas co sector agro-gandeiro.Estes datos foron analizados pola Comisión Técnica de Prezos e Valores do Banco de Terras, que se reuniu hoxe na sede da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), baixo a presidencia do director xeral de Desenvolvemento Rural, Antonio Crespo. A Comisión decidiu por unanimidade propoñer ao Consello da Xunta, para a súa aprobación, que se
manteñan ao longo do 2013 os actuais prezos de referencia ou garantía das parcelas que xestiona o Banco de Terras, co fin de facilitar a mobilización das mesmas e incrementar a actividade produtiva do agro no actual contexto de crise. Estes prezos de referencia, que están establecidos en función do uso da parcela e da parroquia na cal se atopa, serán aqueles que en todo caso se garantan aos propietarios cuxas fincas sexan arrendadas, aínda que os usuarios cometan impagos. Así mesmo, serán os prezos aos cales se ofertarán as parcelas propiedade da Entidade Xestora do Banco de Terras (Agader). Esta Comisión de prezos e valores, na que están representados a Federación Galega de Municipios e Provincias, a Dirección Xeral do Catastro, as cooperativas, os sindicatos agrarios e distintos departamentos da Xunta de Galicia, aprobou na xuntanza desta mañá, tamén por unanimidade, a eliminación da clasificación das Zonas de Especial Risco de Abandono (ZERA) nas cales
ata o de agora se aplicaban coeficientes de redución dos prezos. O informe elaborado polos técnicos de Agader determina que ao longo dos cinco anos de funcionamento do Banco de Terras esta medida non foi suficiente para mobilizar as zonas en cuestión e propúxose a posibilidade de substituíla por outras formas máis dinámicas, como poden ser a creación de lotes de parcelas para o arrendamento ou o aumento na política informativa do Banco empregando para este fin aos técnicos provinciais cos que agora conta Agader, despois da reestruturación feita nos órganos de desenvolvemento rural.
Propietarios descoñecidos
Na xuntanza de hoxe, o director xeral de Desenvolvemento Rural comunicou aos membros da Comisión que proximamente se asinará un convenio de colaboración entre o Estado e Agader para xestionar a través do Banco de Terras as máis de 300.000 parcelas de propietarios descoñecidos. O director xeral reiterou novamente a oferta de consenso a todos os axentes implicados no agro co fin de posibilitar que o Banco de Terras se converta nun instrumento áxil e eficaz que favoreza a redimensión e a viabilidade das explotacións.