O vacún galego de calidade regresa a Meat Attraction 

A IXP Ternera Gallega e a IXP Vaca Galega – Boi Galego participaron de novo na feira por excelencia das mellores carnes, Meat Attraction, que reúne en Madrid aos profesionais do sector entre o 6 e o 8 de marzo. No stand do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, o Consello Regulador ofreceu un relatorio sobre as características do produto certificado por cada Indicación Xeográfica Protexida, acompañado dun showcooking con degustación de carne de Ternera Gallega Suprema

Coa sostibilidade no campo e na cociña como fío argumental, o director de Promoción do Consello Regulador, Luis Vázquez, explicou o sistema de produción das ganderías inscritas, poñendo en valor o manexo tradicional dos animais, a súa orixe garantida e a súa alimentación; ademais de destacar o programa de control e a trazabilidade da carne certificada ata que chega ao consumidor. Tamén subliñou como a actividade das explotacións de Ternera Gallega e Vaca Galega – Boi Galego permite manter vivo o medio rural, apostando polo seu futuro económico, social e medioambiental. 

A carne certificada

En canto ao produto, o público asistente puido coñecer as diferencias entra as carnes certificadas por cada IXP e as súas características, sen esquecer a importancia das súas etiquetas e dos logotipos correspondentes para recoñecelas, tanto no caso do vacún maior coma na carne de tenreira

Tralo relatorio, o chef do Grupo Nove Javier R. Ponte, “Taky”, dirixiu unha demostración culinaria con carne da categoría Ternera Gallega Suprema na que reivindicou a sostibilidade gastronómica a través do tratamento axeitado de cada unhas das pezas do vacún. Ofreceu en degustación un tataky elaborado coa croca; para a prancha escolleu cortes pouco habituais, como o filete de vacío e a tapa da pa (llana); e rematou cun prato tradicional da cociña galega, a carne ao caldeiro, empregando o xarrete para a súa preparación.

Meat Attraction chega á quinta edición

Esta é a segunda ocasión na que o Consello Regulador participa en Meat Attraction, despois de que o ano pasado expuxera as pezas de media canal de Ternera Gallega Suprema na zona de The Butcher´s Shop, a área específica para os profesionais da carnizaría. Esta feira é a única monográfica dedicada ao cuarto sector industrial de España, que supón unha cifra de negocio superior aos 31 millóns de euros. Nesta edición, contou coa presenza de 300 expositores directos, marcas e empresas.