O Consello Regulador asina un acordo para a comercialización de Ternera Gallega Suprema en Luxemburgo
A IXP estréase formalmente no mercado luxemburgués coa firma dun convenio de colaboración para a venda de Ternera Gallega Suprema co grupo Steffen, que xestiona varias carnizarías, restaurantes e cátering cun total de once puntos de venda. O acto de sinatura celebrouse na sede do Consello Regulador en Santiago de Compostela, coa presenza do seu presidente, Jesús González, e do fundador e propietario maioritario do grupo, Frank Steffen.
Este convenio formaliza e reforza as relacións comerciais iniciadas xa a principios de ano coa empresa cárnica, froito do labor promocional e divulgativo desenvolvido polo Consello Regulador en Luxemburgo desde o 2022 e que se suma ao que realiza de xeito habitual en Alemaña. Tras participar nunha misión comercial inversa en xaneiro, o grupo Steffen converteuse en poucos meses nun dos principais comercializadores de Ternera Gallega Suprema fóra de España.
Durante a firma do convenio, o seu fundador puxo en valor a alta calidade do produto certificado e os bos datos de implantación nos seus puntos de venda en Luxemburgo; país con case 700.000 habitantes que ofrece grandes posibilidades de futuro no seu mercado. Pola súa banda, o presidente do Consello Regulador destacou a confianza amosada polo grupo Steffen en tan pouco tempo e a súa firme determinación en comercializar Ternera Gallega.
Promoción exterior
O Consello Regulador afianza con este novo convenio un paso máis dentro do seu programa de internacionalización, que xa contaba con Alemaña como principal mercado de referencia para a exportación da carne certificada.
No país xermano, Ternera Gallega ten firmados acordos de colaboración cunha quincena de puntos de venda, tanto en carnizarías tradicionais coma nas cadeas Edeka e Rewe, situados en diferentes localidades: Bremen, Jülich, Hannover, Ulm ou Hagen. Destacan as relacións consolidadas con grupos de referencia como Otto Gourmet, a maior compañía alemá de venda online de carnes premium, e FD Fleischerdienst, grosista para restauración e carnizarías na zona de Baviera.