O Consello Regulador colabora con diversas actividades educativas, culturais e deportivas
Nunha edición renovada da Shopping Night de Ourense, que pasou a chamarse Shopping Fest, Ternera Gallega participou, un ano máis, ofrecendo unha degustación na Praza de Abastos da cidade. Esta xornada lúdica e de compras está organizada polo Centro Comercial Aberto co obxectivo de dinamizar o comercio local.
Trátase dunha cita xa tradicional, o primeiro venres de maio, que ofreceu diversas actividades, como actuacións musicais, baile, recitais de poesía e desfiles de moda, ademais de descontos en máis de 70 tendas do centro urbano. Xunto coa carne certificada, a IXP achegou receitarios a disposición dos visitantes.
Coa educación
Xunto coa formación directa a escolas de hostalaría ou obradoiros de emprego, o Consello Regulador tamén colabora co ámbito da educación nun sentido máis amplo, dentro da súa política de Responsabilidade Social Corporativa. Ademais de seguir participando na campaña Come Local, tamén patrocinou unha nova edición do Premio Stephen Hawking, que organiza anualmente a IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela e que busca fomentar a vocación científica entre os estudantes de bacharelato.
Nesta ocasión, o certame contou coa catedrática de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da Universidade da Coruña, Ampara Alonso, como coordinadora. Participaron once institutos con 54 proxectos a concurso, nos que os alumnos traballaron e investigaron baixo o lema Intelixencias.
Apoio ao deporte e a causas sociais
Co obxectivo de fomentar hábitos saudables e unha alimentación variada, a IXP Ternera Gallega colabora con diferentes probas e equipos deportivos. A finais de abril, apoiou a terceira edición da BTT Terras de Tomiño e Florentiña. Organizada pola Asociación Cultural Deportiva Recreativa Colibrí, trátase dunha marcha cicloturista non competitiva, cun trazado por rúas, pistas e camiños forestais do concello de Tomiño e que contou con dúas rutas: unha de 61 km e 1.500 m de desnivel e outra de 40 km e 700 m de desnivel.
E como xa é habitual, o 17 de maio a IXP patrocinará a décima edición da carreira Camiño das Letras en Santiago, cun percorrido entre o Pico Sacro e a Cidade da Cultura, onde os participantes poderán achegarse a unha degustación da carne certificada.
O Consello Regulador tamén coopera de xeito habitual con asociacións de carácter social en actos solidarios para a recadación de fondos, cedendo carne certificada para os menús destes eventos e achegando material de merchandising. Así o fixo nas últimas semanas para a cea solidaria de Cáritas Arzúa, a gala benéfica de ACOUGO (Asociación Galega de Familias de Acollida) ou o certame de cociña que está a organizar ASPACE-Galicia (Atención a Persoas con Parálise Cerebral e/ou Patoloxías Afíns).