A IXP Ternera Gallega celebra o seu XXV Aniversario

As Denominacións Arzúa-Ulloa, Mel de Galicia, Pataca de Galicia e Ternera Gallega cumpren un cuarto de século como referentes de calidade e seguridade alimentaria nos seus respectivos campos
Os catro consellos reguladores reúnen en Compostela a máis de 250 representantes do sector no acto institucional que conmemora as súas vodas de prata.
Presidida polo presidente da Xunta de Galicia, á cita acudiu tamén o delegado do Goberno en Galicia e a conselleira do Medio Rural e do Mar, entre outras autoridades que manifestaron o seu apoio e agradecemento a todos os que fixeron posible que estas Denominacións de calidade acadaran a gran consideración da que gozan hoxe en día.
Os presidentes dos Consellos Reguladores coinciden en lembrar que os produtos de calidade trazan o camiño a seguir en Galicia e garanten o futuro do medio rural grazas á innovación e á competitividade que esixen os mercados globais.
Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2014.- A capela real do compostelán Hostal dos Reis Católicos acolleu a celebración do XXV aniversario de catro dos consellos reguladores galegos de produtos de calidade con máis recoñecemento e proxección dentro e fóra das nosas fronteiras: a Denominación de Orixe Protexida Arzúa-Ulloa e as Indicacións Xeográficas Protexidas Mel de Galicia, Pataca de Galicia e Ternera Gallega. Presidido polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e respaldado por numerosos representantes dos sectores involucrados, o acto reuniu a máis de 250 persoas cun obxectivo común: conmemorar este primeiro cuarto de século facendo un balance positivo da súa traxectoria e apostando decididamente polo futuro, no que teñen o cometido de poñer en valor e dignificar as producións de calidade e servir de motor para o desenvolvemento socioeconómico do agro galego.
Unha actuación musical a cargo do coro de cámara Orfeón Terra A Nosa abriu a gala dando paso á proxección da peza audiovisual “25 anos con Denominación”, un vídeo que percorreu a historia que fixo e fai posible a existencia destes catro consellos reguladores, os fitos máis significativos, os momentos e contextos clave na súa evolución, o paso cara a economías e mercados globais e a necesaria adaptación e modernización tecnolóxica que permitiu constituílos en referentes indiscutibles da produción agraria galega de calidade desde todas as perspectivas e chanzos da cadea de valor. Produtores, industrias, distribuidores e consumidores identifícanse hoxe en día con este saber facer de calidade, embaixador da marca Galicia en todo o mundo.
Unha degustación de produtos con denominación de calidade amparados polos consellos reguladores galegos puxo fin á celebración de aniversario. 
Carne de vacún, mel, queixo e pataca: alimentos embaixadores da marca Galicia
A DOP Arzúa-Ulloa ampara o tradicional queixo de forma plana, lenticular, elaborado con leite de vaca, cru ou pasteurizado. O seu ámbito de produción inclúe un total de 32 concellos das provincias da Coruña, Lugo e Pontevedra. Na actualidade, a marca integra a un total de 1.042 gandeiros e 21 queixerías, cun valor económico estimado de case 21 millóns de €. 
A IXP Mel de Galicia conseguiu duplicar nos últimos anos a súa capacidade produtiva. Ampara o mel producido, elaborado e envasado de xeito tradicional en toda a Comunidade Autónoma de Galicia, primando a calidade en todos os procesos. Aúna tradición, bo facer e orixe e pódese dicir que vai da flor á mesa, xa que non sofre ningún tipo de transformación ou procesado. Hoxe en día, é a Denominación de mel de España con máis inscritos e que máis mel certifica. Inclúe a 317 apicultores que reúnen preto de 35.000 colmeas; e 34 industrias envasadoras, xerando un valor económico estimado en preto dun millón de €.
A zona amparada pola IXP Pataca de Galicia localízase nas comarcas de Bergantiños, Terra Chá, A Mariña, Lemos e A Limia. Ampara as patacas de consumo da variedade Kennebec, obtidas segundo as prácticas de cultivo tradicional para acadar unha calidade óptima. Hoxe, un total de 110 produtores, que cultivan este tubérculo en máis de 265 hectáreas de superficie, e 9 plantas envasadoras, conforman a Denominación. A comercialización sitúase arredor dos seis millóns de quilos significando un valor económico estimado en máis de 3 millóns de €.
Ternera Gallega ampara e protexe a carne fresca de vacún procedente dos animais nacidos, criados e sacrificados en Galicia. Na actualidade acolle un total de 7.654 produtores e 71 industrias, que están a comercializar unhas 18.000 toneladas de carne de calidade. O valor económico está arredor dos 100 millóns de €, o que a converte na IXP do seu ramo máis importante da Unión Europea. Considerando a idade, o manexo e a alimentación do animal, distínguense dúas categorías principais: Ternera Gallega e Ternera Gallega Suprema.
Denominacións de calidade, proxecto para o desenvolvemento do rural
O presidente da DOP Arzúa-Ulloa, Xosé Luís Carrera, lembrou as complicadas orixes do que entón era o "Produto Galego de Calidade Queixo de Arzúa", facendo especial lembranza en que os queixeiros eran "naqueles anos un grupo de xente nova que querían vivir do rural e no rural, moi empeñados en que se recoñecese a calidade dos nosos queixos tradicionais. Para moitos, dende fóra, eramos pouco menos ca uns tolos". Ademais recordou como "aqueles comezos, coma case todos, non foron doados. A inercia de séculos, sen máis ca unha mínima industrialización agraria, moito máis mínima na nosa área no cerne de Galicia, dificultaban a transmisión da idea de outorgar unha protección legal ao queixo galego".
A presidenta da IXP Mel de Galicia, Esther Ordóñez, salientou o longo camiño percorrido nestes 25 anos para pór en valor non só o mel de Galicia senón tamén o agro e a gandaría galegas. Non esqueceu o agradecemento a “todos os que traballaron coma obreiras facendo que esta gran colmea sexa cada vez máis recoñecida tanto a nivel rexional, nacional coma internacional; así como a todas as persoas que formaron e forman parte desde ouro doce”. Subliñou tamén que “Galicia ten moito potencial apícola e a apicultura é unha gandaría con futuro baixo este selo de calidade”.
O presidente da IXP Pataca de Galicia, Julio Gómez, destacou na súa intervención os retos que para o futuro ten esta Denominación,como a inclusión doutras variedades como a autóctona denominada Fina de Carballo ou a Agria, moi axeitadas para fritir, así como a ampliación a outras zonas de Galicia. Agradeceu ademais aos agricultores e envasadores que apostaron por este distintivo e aos vogais e traballadores do Consello o seu esforzo a prol da Denominación.
O presidente de Ternera Gallega, Jesús González, destacou na súa intervención o bo facer de todos os que formaron e forman parte activa da Indicación Xeográfica Protexida ao longo destes 25 anos. “Un proxecto de país que naceu para defender a carne de vacún e para poñer en valor o medio rural galego, fixar poboación onde historicamente viviu e facer posible a sustentabilidade ambiental, produtiva e comercial da carne de calidade que ampara e que conta na actualidade co máximo recoñecemento do consumidor galego e nacional”, subliñou.
A IXP Mel de Galicia, a DOP Arzúa-Ulloa, A IXP Pataca de Galicia e a IXP Ternera Gallega son o resultado da obra de moitos galegos que souberon modernizarse e evolucionar sen renunciar ás tradicións ancestrais de produción, para responder adecuadamente aos avances técnicos e ás esixencias do consumidor en cada momento. Fixérono outorgando valor ao medio rural galego no seu conxunto, gañando en competitividade, rendibilidade e en sintonía cos novos mercados internacionais e as novas políticas agrarias europeas que fixa a PAC. Sectores, en definitiva, dinámicos e vivos, que miran ao futuro con proxectos e boas expectativas.