A IXP Ternera Gallega colabora no Campus de verán da USC XuvenCiencia de Lugo

No taller os participantes puideron coñecer cales son as claves dunha das producións gandeiras máis importantes en Galicia como é a de carne de vacún de calidade, que ampara a Indicación Xeográfica Protexida "Ternera Gallega". Ademais abordáronse aspectos tecnolóxicos, nutricionais e culinarios da carne. Tamén se descubriron  algúns dos segredos que garda este produto relacionadas coas súas características sensoriais mediante a realización dunha sesión de cociña en directo (show cooking), experimentando con distintos cortes a forma de conseguir o cociñado perfecto. 

O Campus de Verán XuvenCiencia de Lugo é unha actividade divulgativa promovida e organizada poloGrupo XuvenCiencia Grupo de Divulgación da Ciencia e da Tecnoloxía da USC, formado por profesorado de diferentes áreas e centros do Campus de Lugo.

Conta ademais coa colaboración, totalmente altruísta, de máis de 90 profesores e técnicos da USC, así como persoal doutros centros e institucións, como a Aula de Produtos Lácteos, o Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia, o Museo Provincial, o Viveiro de empresas da CEL,  a Fundación TIC, consellos reguladores, etc.

O Campus de Verán XuvenCiencia organízase no Campus Terra da USC en colaboración coa Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo, coa Oficina de Cultura e co programa “A ponte entre o ensino medio e a USC”.