A IXP Vaca Galega / Boi Galego asistirá esta semana á feira de Silleda

Tras visitar as feiras de alimentación de Barcelona e Madrid, as IXP Ternera Gallega e Vaca Galega / Boi Galego participarán a próxima semana en Salimat, o Salón de Alimentación do Atlántico, dentro da Semana Verde de Silleda. Desde o xoves 7 ata o domingo 10 de xuño, as dúas Indicacións Xeográficas Protexidas estarán presentes na feira cun stand institucional situado no Pavillón 1. Ademais de informar aos consumidores sobre ambos selos de calidade, o obxectivo primordial de Vacún de Galicia é achegar aos gandeiros a nova IXP Vaca Galega / Boi Galego, para que coñezan os requisitos de inscrición, dende as razas e a alimentación ata as condicións que deben cumprir as vacas e os bois para ser rexistrados. Tamén se lles explicará a razón de ser desta Denominación e os beneficios de unirse a ela, xa que servirá para aportar transparencia ao mercado e garantías de orixe e calidade aos consumidores, evitando fraudes entorno ao vacún maior. 

Demostracións culinarias

Ademais desta labor informativa e promocional, a nova Indicación Xeográfica participará en dous showcookings de produtos galegos, dirixidos a importadores e organizados pola propia feira e o Grupo Nove. O noso chef de referencia, Javier Rodríguez Ponte “Taky”, estará á fronte destas demostracións gastronómicas, nas que vai cociñar pratos elaborados coas primeiras pezas de carne certificada de Vaca Galega / Boi Galego. Unha delas será o venres pola tarde e a outra, o sábado, tamén en sesión de tarde. Estas actividades enmárcase dentro de Alinova, unha exposición de novos produtos que saíron ao mercado desde a pasada edición da Semana Verde, como é o caso da nosa IXP dedicada ao vacún maior.

Este ano, Salimat Abanca celebra a súa vixésimo segunda edición como escaparate de produtos de calidade, artesáns e ecolóxicos. Con máis de 170 expositores, a feira espera acadar, coma no 2017, os 100.000 visitantes e seguir apuntalándose como centro de oportunidades comerciais para as empresas e produtores galegos.