A IXP Vaca Galega / Boi Galego estréase na Feira Internacional ABANCA Semana Verde de Galicia 

A IXP Ternera Galega e a IXP Vaca Galega / Boi Galego acoden á 41 edición da Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia cun stand institucional situado no Pavillón 1, en Salimat; no que levarán a cabo un intenso programa informativo e promocional para dar a coñecer aos asistentes as carnes amparadas e principalmente o novo selo de calidade. Para a recén constituída Vaca Galega / Boi Galego, esta é a súa primeira cita con este evento de referencia no sector agroalimentario en Galicia, que lle vai permitir informar aos gandeiros sobre o proceso de inscrición, as razas, a alimentación e as demais condicións que deben cumprir as vacas e os bois para seren rexistrados.

Ademais, a nova IXP detallará tamén a súa razón de ser e os beneficios de unirse a ela, xa que esta nova Denominación nace para preservar, protexer e poñer en valor a carne de vaca e de boi que se produce na Comunidade galega, de maneira que xere riqueza para os nosos gandeiros e o noso país. Un fito sobranceiro que representa un impulso para o sector de vacún de carne de calidade, fundamental tanto na economía agraria galega como na fixación da poboación e no mantemento do medio rural.

Cociña en directo co novo indicativo de calidade para o vacún de carne

A IXP Vaca Galega / Boi Galego participará tamén en dúas actividades divulgativas nas que se van cociñar en directo produtos galegos, entre eles a carne certificada pola nova Denominación, organizadas pola propia feira e a asociación de restaurantes Grupo Nove, que están dirixidas a importadores e distribuidores.

O chef Javier Rodríguez “Taky” será o encargado de dirixir estas demostracións gastronómicas, nas que se elaborarán pratos coas primeiras pezas de carne certificada como Vaca Galega / Boi Galego. Terán lugar o venres 8 e o sábado 9, en horario de tarde. Estas actividades enmárcanse dentro da feira Semana Verde, nunha exposición específica que a organización deste evento nomea como Alinova, na que se presentan aquelas novidades e produtos agroalimentarios que saíron ao mercado no último ano, como é o caso da carne amparada pola IXP Vaca Galega / Boi Galego.

Aposta sectorial e de futuro pola IXP Vaca Galega / Boi Galego

Esta Denominación púxose en marcha no segundo semestre de 2017, coa inscrición das explotacións gandeiras interesadas e o rexistro das primeiras reses. Unha vez entrado o ano 2018 tiveron lugar o sacrificio e a certificación das primeiras canais, nas industrias cárnicas galegas inscritas nos censos do Consello Regulador, así como a súa comercialización e presentación no mercado.

A nova IXP vai dando os seus primeiros pasos, pouco a pouco, como todos aqueles proxectos que comezan a súa andaina e que ao mesmo tempo apostan polo control e a obxectividade nas decisións necesarias para a súa implantación, tanto entre o sector produtor como no mercado, ata chegar aos consumidores. Vaca Galega / Boi Galego nace coa experiencia e saber facer de Ternera Gallega, xa que o organismo que se encarga da xestión é o Consello Regulador das IXP de Carne de Vacún de Galicia, onde se integran as dúas Denominacións coa finalidade de lograr unha maior coordinación e potencialidade, sen esquecer o aforro de custos.

A nova IXP ten como obxectivos valorizar a carne de vacún maior que se produce en Galicia e xerar riqueza para o sector. Para logralo hai que defender a trazabilidade da carne amparada, a transparencia no mercado e ofrecerlle garantías aos consumidores. Nesta tarefa, o Consello Regulador necesita, canto antes mellor, o apoio e o compromiso dos gandeiros e industrias cárnicas galegas, nunha aposta seria pola IXP Vaca Galega / Boi Galego, que comeza co rexistro dos seus animais e a certificación das canais que se van comercializar coa nova Denominación.