Ternera Gallega desvela os segredos da carne no Campus XuvenCiencia

Un ano máis, a IXP Ternera Gallega participa nos obradoiros de verán XuvenCiencia, organizados pola USC no Campus Terra de Lugo, desde o 2 ao 6 de xullo. Dirixido, principalmente, a alumnos de 4º de ESO e 1º de BAC, o programa pretende achegar aos rapaces a ciencia e as tecnoloxías dunha maneira práctica, fomentando así o interese nas titulacións científicas e técnicas e amosando as investigacións que se lideran desde o Campus lucense. 

Ternera Gallega impartirá o taller “Os segredos da carne” o xoves 5, a partir das 11 da mañá, dentro dos Obradoiros de Calidade e Seguridade Alimentaria. Unha clase na que os rapaces van coñecer as características diferenciais do vacún amparado pola IXP, as súas cualidades organolépticas e as súas propiedades nutritivas. Tamén se lles explicarán os procesos tecnolóxicos que acontecen na carne durante os diferentes estadios da comercialización, e como afectan á calidade final do produto. Nunha parte máis práctica, os alumnos poderán estudar as distintas pezas da canal e como tratalas ao corte, ademais das mellores técnicas para elaboralas e consellos de cociñado. Ao final, eles mesmos se van converter en cociñeiros e prepararán, en directo, Ternera Gallega á prancha para os seus compañeiros e profesores, unhas 200 persoas. 

Un programa moi completo

Este ano, o Campus XuvenCiencia cumpre 6 edicións familiarizando aos rapaces de entre 15 e 16 anos coa investigación científica. Polas mañás, os participantes asisten a actividades prácticas e talleres relacionados coas titulacións científico-tecnolóxicas e científico-sociais do Campus de Lugo; mentres que polas tardes, realizan proxectos dirixidos polo profesorado universitario. Tamén contan cun programa especial para os veteranos, aqueles rapaces de 2º de BAC que xa asistiron outros anos e queiran repetir.