Os produtos galegos de calidade estarán presentes no Festival de la Luz

A música regresa ao concello de Boimorto os próximos 6, 7 e 8 de setembro da man do Festival de la Luz 2019. Unha cita xa tradicional, na que participará a Consellería do Medio Rural, a través do AGACAL, cun stand de promoción dos alimentos galegos con IXP ou DOP. Ademais dun espazo informativo, servirá de zona de catas e de actividades para os máis pequenos, posto que o festival recibe un público de carácter familiar.

O posto da Consellería vai ofrecer información sobre os diferentes produtos autonómicos con denominación de calidade, mediante trípticos e folletos, e coa atención do persoal do AGACAL. Unha importante tarefa divulgativa para afianzar o coñecemento dos consumidores sobre estes produtos, as súas características diferenciais e a importancia de fixarse no etiquetado para recoñecelos no mercado.

Esas cualidades propias dos alimentos con selo de calidade amosaranse tamén no programa de Catas, onde se poderán degustar aqueles produtos que non requiran de cociñado, en sesións comentadas duns 50 minutos e con capacidade para 20 persoas. Ademais, a información sobre as DOP e IXP achegarase aos nenos, dun xeito máis didáctico, mediante obradoiros infantís.

Un evento rural e solidario

O Festival de la Luz suma xa oito edicións mantendo un dos seus obxectivos primordiais: apostar polo medio rural galego. Por eso a iniciativa naceu en Boimorto, para amosar o potencial do noso campo e impulsar a economía da zona. Motivo polo que, o ano pasado, o festival recibiu o premio da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) na categoría cultural.

Continúa tamén o seu perfil solidario. A recadación desta edición destinarase ás asociacións Anxiños, que traballa pola integración de nenos e adolescentes con trastornos mentais, e Asanog, que dá apoio a nenos oncolóxicos e ás súas familias.

Este ano actuará a creadora do Festival, Luz Casal, ademais de Celtas Cortos, Rayden, Mikel Erentxun ou Amparanoia, entre outros artistas. En total, tres xornadas de música, gastronomía e diferentes actividades culturais.