A carne certificada regresa ás Exaltacións Gastronómicas de Lugo

Como xa acontecera en maio, a IXP Ternera Gallega volve formar parte das xornadas culinarias que organiza a Asociación lucense de Empresarios de Hostalería e Turismo, APEHL, a última semana de cada mes. Desde hoxe e ata o vindeiro día 27, medio centenar de restaurantes da provincia incluirá, entre as súas propostas gastronómicas, pratos elaborados con carne amparada pola Indicación Xeográfica Protexida. Menús nos que Ternera Gallega compartirá espazo con outros produtos con distintivo de calidade, como as IXP Fabas de Lourenzá e Mel de Galicia e a DOP San Simón da Costa.

Mentres que na anterior ocasión as xornadas se dedicaron exclusivamente a Ternera Gallega Suprema, agora os restaurantes implicados traballarán con carne das diferentes categorías comerciais da IXP. Cada unha deberá identificarse coas etiquetas ou certificados correspondentes para información do consumidor, que sempre pode esixir estes distintivos nos puntos de venda e locais de restauración para asegurarse de que, efectivamente, lle ofrecen carne certificada pola IXP.

Un eloxio aos produtos galegos

Coa colaboración da Deputación de Lugo, as Exaltacións Gastronómicas véñense celebrando desde abril e rematarán o próximo mes. En total, un programa de 8 sesións dedicadas, cada unha, a 3 ou 4 produtos con DOP ou IXP. O presidente de APEHL, Cheché Real, destaca que con esta iniciativa “dáse a coñecer a visitantes e residentes a nosa boa materia prima, elaborada e servida polos nosos excelentes profesionais”. Subliña que se trata de produtos que obtiveron o selo europeo de calidade tras un gran esforzo e traballo.