Máis de 700 novos inscritos en Ternera Gallega e Vaca Galega / Boi Galego recibirán axudas pola súa incorporación ás IXP

Co obxectivo de impulsar a integración de produtores nos selos de calidade galegos, a consellería de Medio Rural, a través da Agacal, vén de resolver as axudas a estas incorporacións, financiadas co fondo Europeo Agrícola de Desarrollo Rural (Feader). A maioría dos perceptores destas axudas pertencen ao Consello Regulador das IXP de Carne de Vacún de Galicia, que suma 716 novos membros.

No caso de Ternera Gallega, son 470 os gandeiros que percibirán estas achegas económicas, mentres que outros 246 beneficiarios forman parte da IXP Vaca Galega / Boi Galego. Pola súa banda, o Craega (Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica) presentou 156 solicitudes, Mel de Galicia incorporou 20 produtores e a DO Valdeorras, 1. En total, as axudas suman 150.350 euros, que se van repartir entre 893 gandeiros e agricultores.

Estas achegas cobren o 100% dos gastos subvencionables, que abarcarían os custos fixos derivados da inscrición nas IXP, DOP ou DO galegas, a cota anual de participación e os gastos ocasionados polos controis necesarios para cumprir os requisitos de cada selo de calidade.

Unha vez publicada a resolución no DOG, os novos produtores teñen ata o 31 de outubro para presentar os xustificantes e facturas correspondentes. Para os inscritos como particulares en Ternera Gallega e Vaca Galega / Boi Galego, é o propio Consello Regulador o que se encarga de realizar estes trámites.